Golpe xudicial á Xunta: O TSXG anula a licenza dunha macrogranxa

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza estima o recurso presentado contra a ampliación dunha macrogranxa do grupo Coren en Rairiz de Veiga por "non avaliar correctamente" as afeccións sobre o medio ambiente e a saúde humana.
Imaxe de arquivo dunha granxa de polos (Foto: Europa Press).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha granxa de polos (Foto: Europa Press).

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que anula a licenza de ampliación dunha macrogranxa de polos, propiedade do grupo Coren, no concello de Rairiz de Veiga.

O complexo recibiu en 2019 un informe de impacto ambiental favorábel da Xunta da Galiza para duplicar a produción de polos, "coas consecuencias inherentes ante os efectos acumulativos perniciosos para o medio ambiente por unha acumulación de explotacións" na comarca da Limia, "como se constata nos diversos informes aportados en autos".

Coren pretendía que a nave, que tiña capacidade para producir 22.932 polos por ciclo produtivo, puidese abranguer 47.970 animais.

"A Limia mostra unha contaminación por nitratos en máis da metade das primeiras mostras analizadas, sendo, aliás, valores moi elevados", argumenta o TSXG, que tamén salienta que, con base nesta información, "dedúcese que a contaminación do acuífero pode atribuírse á lixiviación dos fertilizantes e o exceso de residuos gandeiros, por mor das "malas prácticas de fertilización".

Por outra parte, no fallo alúdese á presenza dunha vivenda a "escasos metros" da explotación gandeira, algo que "comporta graves riscos polas emisións de po, partículas, cheiros e ruídos da actividade, emisións de amoníaco e enfermidades zoonóticas transmisíbeis ás persoas con consecuencias incalculábeis, como estamos tendo a desgrazada oportunidade de comprobar cos efectos da Covid-19".

No documento aprobado polo Goberno galego para autorizar a ampliación da macrogranxa, advirte a Xustiza, "non valora" as afeccións que tería esta instalación sobre a vivenda en cuestión e sobre a súa saúde e calidade de vida.

Así, as e os xuíces conclúen que a Xunta vulnerou "os dereitos que como interesadas teñen as persoas recorrentes [...] á saúde, a intimidade persoal e familiar, a inviolabilidade do domicilio e o dereito a gozar dun medio ambiente axeitado".

A autorización, salientan, "carece dunha xustificación axeitada" e tampouco avalía correctamente as afeccións da granxa sobre os recursos hídricos nunha zona situada "en espazos da Rede Natura 2000".

Comentarios