A terceira crise do século XXI xa chegou á Galiza

Primeiro foi a gran recesión, cuxas consecuencias marcaron a segunda década do século XXI en forma de empobrecemento das maiorías. Logo chegou a pandemia, cuxas derivadas económicas seguen afectando a sociedade. E ao tempo, toca agora outro ciclo recesivo, que arranca de forma clara na segunda metade de 2021.
A suba dos prezos déixase notar no incremento do custo dos alimentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera A suba dos prezos déixase notar no incremento do custo dos alimentos. (Foto: Europa Press)

A crise fai parte da paisaxe destas dúas primeiras décadas do século XXI na zona euro. As diversas variábeis económicas que vimos coñecendo nos últimos meses adiantan un escenario económico moi crítico, onde a inflación non é mais que un síntoma da doenza. Neste sentido, as propostas formuladas desde os organismos da Unión Europea e dos Executivos dos Estados membros apuntan a un agravamento da situación nos próximos meses. A austeridade como xenética das políticas comunitarias volve sen complexos, abrindo a porta a unha nova desvalorización interna e a unha posíbel crise de débeda.

O economista da Universidade de Santiago de Compostela, Bernardo Valdês, sinala a Nós Diario que "antes da crise de 2008 xa tiñamos un escenario de crecemento económico moi débil nas economías da Unión Europea (UE) que tiñan como moeda o euro". Neste sentido, continúa, "o euro representa un fracaso para o crecemento económico, sendo este maior naqueles Estados da UE que non adoptaron a moeda única. A pandemia non fixo máis que agravar unha tendencia que viña de vello".

Bernardo Valdês, profesor de Economía Aplicada na USC: "Antes da crise de 2008 xa tiñamos un escenario de crecemento económico moi débil nas economías do euro"

Valdês significa que "o crecemento económico ten que ver con economías como a da China ou doutros países asiáticos e non coa zona euro ou Estados Unidos, onde ademais se incrementaron moito as desigualdades". Asemade, advirte de que a "débeda pública vaise empregar como unha coartada para acometer recortes" e apunta que "as crises de débeda están asociadas á propia arquitectura institucional do euro, tal e como puidemos observar anos atrás nos Estados da periferia europea".

A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Cadaval teno claro: a preguntas de Nós Diario, sinala que "estamos na terceira crise do século XX. Estábamos inmersos na segunda crise, provocada pola pandemia, pero xa nun momento de crecemento económico, onde tíñamos recuperado 5,8% do Produto Interior Bruto (PIB) perdido pola Covid, chegou un novo golpe provocado pola invasión de Ucraína por Rusia, que incide especialmente nos prezos do gas, do petróleo e dos cereais e que comeza a agravarse a partir do mes de novembro".

María Cadaval, docente da Universidade de Compostela: "A inflación xa afecta a columna vertebral da economía e por conseguinte son necesarias medidas"

Cadaval pon no foco deste escenario económico a inflación. "Neste momento a inflación xa afecta a columna vertebral da economía e por conseguinte son necesarias medidas para arrefriar a situación", apunta, ao tempo que advirte dos perigos da "suba dos xuros tipo de interese para as economías domésticas, as empresas e o sector público". Nesta liña, lembra que "a débeda total do Estado, sumando a pública e a privada, que é a máis grade, representa 288% do PIB polo que calquera variación nos tipos de interese vai ter efectos". Asemade, expresa a súas dubida sobre "o programa Next Generation neste contexto" e reclama unha viraxe na súa xestión.

Máximo histórico de inflación na OCDE

O profesor de economía da USC Gonzalo Rodríguez non se atreve a determinar o alcance da crise pero entende que "o réxime de acumulación neoliberal está en proceso de reconfiguración e esa reconficuración é o problema". Neste sentido, considera que "as análises non se están centrando nas causas do problema senón nos síntomas, como acontece coa inflación", que o pasado mes de maio acadou o seu máximo histórico nos Estados da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) ao rexistrar 9,6%.

Gonzalo Rodríguez, profesor e economista: "A suba da inflación non é consecuencia dos salarios, senón da suba dos beneficios empresariais"

Rodríguez indica que "a suba da inflación non é consecuencia dos salarios senón do incremento dos beneficios empresariais" e denuncia  o proceso de financeirización que significa a supeditación da economía produtiva a financeira".

Comentarios