O euro marca o seu valor máis baixo dos últimos 20 anos

O valor do euro e o do dólar estadounidense son agora mesmo practicamente iguais.
Feixe de billetes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Feixe de billetes. (Foto: Nós Diario)

O valor do euro retrocedeu esta terza feira até niveis de decembro de 2002, o máis baixo nos últimos 20 anos. Os "crecentes temores a unha recesión" serían o motivo desta perda de valor, en palabras a analista de mercado  de City Index Fiona Cincotta á Agence-France Press (AFP).

Desta maneira, a moeda da Unión Europea (UE) perdeu 1,3% do seu valor, situándose moi próxima á paridade co dólar estadounidense. No momento de escribir estas liñas o euro cotiza a 1,0281 dólares. Sería a primeira vez que ambas divisas teñen o mesmo valor desde a creación do euro en 1999.

Esta tendencia negativa do euro súmase á espiral alcista do dólar estadounidense, impulsado polo incremento dos tipos de interese que está a levar a cabo a Reserva Federal dos EUA (Fed), para intentar asegurar a solvencia do dólar nos mercados internacionais.

Outra das moedas que se emprega como referencia para analizar o valor do euro, o franco suízo, tamén deixa patente esa perda valorativa. Un euro vale agora mesmo 0.9925 francos, o nivel máis baixo desde 2015.

Efecto no mercado enerxético

Unha das principais consecuencias de que o euro e o dólar dos EUA alcancen a paridade é que o mercado enerxético para a Unión Europea sufrirá un encarecemento pronunciado nas vindeiras semanas e meses.

Isto débese a que o mercado enerxético depende na súa gran maioría da moeda estadounidense, polo que os euros da UE serven para pagar cada vez menos petróleo e gas natural importado polos EUA. Máis cando os prezos de ambos produtos xa está en niveis históricos por mor da situación bélica en Ucraína e das medidas sancionadoras da meirande parte da comunidade internacional a Rusia.

Nos últimos meses, a presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, anunciou que estudaba a posibilidade de emular a estratexia da Fed e incrementar os tipos de interese, co obxectivo de cortar a crise de inflación e evitar a perda de valor do euro, mais iso poría en risco as economías dos países do sur de Europa, ao elevar a niveis non alcanzados nos últimos anos a prima de risco destes países.

Comentarios