Xustiza

O Tribunal Supremo admite a demanda da frota contra os POEM e os espazos que reservan para a eólica mariña

A Plataforma en Defensa do Mar e dos Ecosistemas Mariños, promotora do Manifesto de Burela, deu esta quinta feira a coñecer a admisión dunha demanda presentada ante o Tribunal Supremo para que anule e revogue o Real Decreto sobre os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), aprobados polo Executivo do Estado español a finais de febreiro deste ano e que reservan espazos para a eólica mariña.
María José Rico, David Pavón, Torcuato Teixeira, Basilio Otero e José Antonio Pérez Sieira, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera María José Rico, David Pavón, Torcuato Teixeira, Basilio Otero e José Antonio Pérez Sieira, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O portavoz da Plataforma en Defensa do Mar e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira, compareceu esta quinta feira en rolda de prensa, xunto ao presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira; o da Federación Estatal de Confrarías, Basilio Otero; a secretaria da Federación de Confrarías de Asturias, María José Rico, e o presidente da Federación de Confrarías de Canarias, David Pavón, para anunciar a admisión dunha demanda por parte do Supremo que ten a intención de que o tribunal anule a aprobación dos POEM.

"Vímonos obrigados a interpor ante o Tribunal Supremo, unha demanda, da que xa se nos notificou a súa admisión e o requirimento á Administración do Estado español para que a conteste, porque lamentabelmente o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico [Miteco] desistiu de protexer os nosos ecosistemas mariños saltándose o principio de precaución e a normativa internacional e estatal que obriga a protexer ante todo o medio ambiente, máxime cando falamos duns ecosistemas tan sensíbeis como os mariños", sinalou Teixeira.

Segundo explicou o portavoz da plataforma, "tamén se puxo de manifesto na demanda a vulneración que supón o incumprimento do artigo 130 da Constitución do Estado español, que obriga os poderes públicos a atender en especial ao desenvolvemento da pesca xunto a outros sectores sensíbeis". Ao respecto, engadiu, "lonxe de apostarse por este desenvolvemento, o Miteco apostou polo sector enerxético en detrimento da pesca, que será expulsada dos caladoiros".

Os POEM teñen afectación directa sobre varios caladoiros de importancia para a frota galega, xa que se proxectan até cinco posíbeis espazos nos que se poderán instalar parques eólicos mariños. Un deles estaría situado na desembocadura do Miño, mentres que o resto estarían na zona norte do país.

Baseamento no Informe do Observatorio do Litoral

A demanda baseouse nun Informe do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña (UDC), que se achega ademais como proba pericial coa propia demanda, "onde os expertos detectaron até 11 ilegalidades e irregularidades manifestas, tanto de normas estatais, como da Lei de Protección do Medio Mariño e da Directiva Marco de Ordenación do Espazo Mariño, pois non se tiveron en conta as consideracións ambientais, sociais e de sostibilidade que se exixen na normativa vixente", explicaron os representantes.

Finalmente, a plataforma reiterou que "o sector pesqueiro non está en contra das enerxías renovábeis", pois é "o principal prexudicado coa acidificación dos mares e os cambios de temperaturas dos océanos, polo que avoga por reducir as emisións de C02 sen dúbida, mais non sacrificando a pesca e os nosos ecosistemas mariños", concluíu ao respecto.

Comentarios