A suba dos carburantes podería obrigar a frota galega a permanecer amarrada

As confrarías constatan un aumento de 70 céntimos no último ano.
Frota amarrada no porto de Muros nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Frota amarrada no porto de Muros nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

A crise enerxética na que está sumida Europa pasa factura a boa parte dos sectores produtivos do país, e a pesca non é unha excepción. O alto custo dos carburantes, independentemente das bonificacións, está a levar ás confrarías a optar por permanecer en porto no canto de saír a traballar ao mar.

Como sinalaron esta terza feira desde a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, a escalada de prezos do gasóleo, que conquista semana tras semana máximos históricos, está a levar a unha situación "inviábel" ao sector pesqueiro galego.

Sen ir máis lonxe, esta terza a Confraría de Celeiro (Viveiro) decidiu iniciar un amarre parcial pola suba do prezo do carburante derivado da guerra de Ucraína. O patrón maior de Burela e presidente da federación estatal, Basilio Otero, vaticinou que o resto do sector seguirá os pasos dos pescadores de Celeiro. "Vai producir o amarre da frota (pesqueira) porque o gasóleo é un gasto importante dentro do gasto xeral dun barco de pesca e a situación, a día de hoxe, é inviábel", insistiu.

Venda a perdas

Neste senso, ao igual do que está a acontecer noutros sectores, como o lácteo ou o da carne de vacún, Otero explica que o feito de saír ao mar supón incorrer en perdas. "Até o de agora iamos ao mar e o que sacabas do peixe chegaba para os gastos que tes, pero agora xa tes que pór diñeiro do teu peto e non hai cartos", incidiu o armador burelense, quen advertiu de que os amarres non son xa unha posibilidade, senón unha obrigación para o sector. "En Italia xa se fai desde esta segunda feira e con toda a frota galega vai ocorrer o mesmo", apostilou.

Reunión co ministro

Para abordar esta situación e as implicacións que esta decisión pode ter nun sector tan determinante para o país, a Federación de Confrarías xa ten solicitada unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, para a que non tivo resposta. 
"Aínda non nos responderon. Esta segunda feira mandámoslle datos do prezo do combustíbel á Secretaría Xeral de Pesca despois de que nolos pedisen. Estamos moi preocupados", confesou Otero.

Segundo os seus cálculos, o prezo do gasóleo "está 70 céntimos máis caro que o ano pasado". Daquela, en marzo de 2021 pagábase o litro de carburante a 36 céntimos, mentres estes días podíase atopar "nalgún surtidor" ese mesmo gasóleo a un prezo de 1,11 euros o litro.

Comentarios