Stellantis lidera o mercado español da automoción, con especial peso de Vigo

A factoría da cidade olívica produciu un de cada catro vehículos da compañía no Estado.
Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).
photo_camera Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).

O grupo Stellantis, no seu primeiro ano de actividade, sitúase no primeiro posto por volume de vendas no mercado do Estado español, con 257.191 turismos e vehículos comerciais matriculados, que representan 25,4% de cota.

Un de cada catro vehículos matriculados no Estado en 2021, segundo informa a compañía nun comunicado, pertence a unha das marcas que Stellantis comercializa. Peugeot, unha das marcas do consorcio, é líder por cuarto ano consecutivo, con 88.454 matriculacións e un 8,7% de cota.

Por outra parte, Stellantis tamén é líder en vehículos comerciais, con especial protagonismo dos modelos fabricados en Vigo, matriculando 64.487 unidades.

"O seu 42,3% de cota de mercado reflicten moi ben a confianza de todo tipo de empresas e profesionais nos vehículos que compoñen as gamas de Citroën, líder do mercado, e Peugeot, Fiat e Opel, catro marcas no ' top 10' da clasificación", destaca a compañía.

O conglomerado Stellantis comercializa xa 40 modelos electrificados —100% eléctricos e híbridos— no mercado español, concretamente, no 2021 matriculou 15.104 turismos e vehículos comerciais, que o sitúan na primeira posición da clasificación cunha cota de 21,5%.

O country manager de Stellantis para España e Portugal, Maurizio Zuares, destacou os "positivos" resultados do consorcio en "unha contorna de mercado aínda complexo".

"Sen dúbida, o primeiro ano de Stellantis no Estado español demostra o potencial do grupo, que camiña na dirección correcta. Proba diso é a nosa oferta de vehículos electrificados, a máis ampla do mercado, con 40 modelos 100% eléctricos e híbridos enchufables, que cobren a práctica totalidade dos segmentos", subliñou.

Comentarios