Stellantis recuperará en abril a quenda da fin de semana

A denominada cuarta quenda do sistema M2 da planta de Stellantis en Vigo recuperará a actividade previsibelmente o vindeiro 9 de abril.
O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).
photo_camera O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).

A dirección da factoría viguesa do grupo Stellantis comunicou esta terza feira ao seu persoal a volta á actividade da denominada cuarta quenda, a do fin de semana, no sistema de produción M2, que monta as furgonetas e monovolumes, e que fora suspendido o pasado mes de outubro polos problemas de aprovisionamento derivados da chamada 'crise dos microchips'.

Así, segundo trasladou a empresa aos sindicatos nunha reunión, a idea é retomar a actividade nesa quenda o próximo 9 de abril, á vista dunha situación "na que se mantén o forte atractivo" dos produtos de Stellantis no mercado, o que anticipa "altos volumes de produción".

A medida suporá ademais a incorporación de novos traballadores contratados temporalmente, cunha estimación dunhas 600 persoas, segundo a empresa.

Cando se suspendeu a quenda, resultaron afectados uns 750 operarios, dos que un centenar deixaron a planta neses momentos por finalizar os seus contratos, mentres que o resto foron recolocados. No caso dos eventuais foron deixando a planta a medida que se extinguían os seus contratos.

Calendario de produción

Na reunión cos representantes do persoal, a empresa informou tamén do calendario de produción de febreiro, mes no que prevé "alta actividade nos equipos, cunha quenda de noite de ampla apertura, con 4 domingos de traballo e fins de semana con saturación en sábados e alta actividade os domingos".

Con todo, e dada a "situación excepcional" polos problemas de subministración, que xa levaron a parar a actividade na liña M1 o pasado domingo e esta segunda feira, advirten de que os horarios e xornadas previstas poden sufrir alteracións.

Tendo en conta as reservas actuais, a fábrica prevé manter un volume de produción de 2.300 vehículos ao día.

Comentarios