sábado 27/11/21

Stellantis prevé beneficios millonarios nun ano marcado pola crise dos 'microchips'

A crise da Covid e a falla de subministro de semicondutores, a coñecida como crise dos 'microchips', fixeron que a planta de Stellantis en Vigo estivese practicamente un mes completo parada. Porén, o grupo resultante da fusión de PSA e FCA roza máximos en bolsa e apunta a un beneficio millonario a final de ano.
Carlos Tavares, director xeral de Stellantis (Foto: Europa Press).
Carlos Tavares, director xeral de Stellantis (Foto: Europa Press).

Stellantis, o grupo resultante da fusión de PSA e Fiat Chrysler Automobiles (FCA), anunciou a semana pasada o cese de actividade nas dúas liñas de produción da súa planta de Vigo ante a falta de semicondutores pola chamada crise dos 'microchips'.

Nun principio, os paros, que se comunicaron tan só tres días despois da volta ao traballo após as vacacións, ían durar toda a semana, pero onte a dirección anunciou que as tres quendas do sistema 1 ─a que monta os turismos Peugeot 301, Peugeot 2008 e Citroën C-Elysée─ retomarán a actividade a vindeira sexta feira, tres días antes do previsto, mentres que no sistema 2 de momento non se anuncian cambios, polo que terán que agardar á semana que vén para regresar aos seus postos de traballo.

A improvisación está a ser a tónica dominante nas decisións de produción do grupo, que segue sen cumprir cos cinco días de preaviso que marca a lexislación e que, segundo denunciaron en varias ocasións os sindicatos, non está a ter en conta a situación persoal dos perto de 7.000 traballadores e traballadoras que ten en Vigo, en especial das eventuais, que representan máis da metade do total. 

A falla de subministro, segundo apuntan fontes do sector, vai ser unha constante nos vindeiros meses, polo menos até que remate o ano. No caso de Vigo, a planta parou xa máis de 70 días (máis de 30 de media cada unha), sumando as dúas liñas de produción, o que supón un mes de traballo perdido e miles de vehículos que se deixaron de producir.

Beneficio millonario

A pesar destes contratempos, o grupo Stellantis obtivo un beneficio de 6.926 millóns de euros no primeiros seis meses do ano, fronte ás perdas de 1.234 millóns de euros que presentou no mesmo período de 2020. Os ingresos aumentaron 45,7%, até os 75.310 millóns de euros, fronte aos 51.668 millóns de euros do primeiro semestre de 2020. 

Estes bos resultados víronse acompañados dun aumento da cotización en bolsa da compañía, que chegou a rozar os 22 dólares por acción no Nasdaq estadounidense o pasado 13 de agosto, moi perto do máximo histórico de 23 dólares logrado a comezos de 2018. A crise da Covid e a dos 'microchips' parece non ter efecto na cotización de Stellantis, que multiplica por tres o seu valor en bolsa desde o inicio da pandemia (en marzo rondaba os 6 dólares por título). 

O bo momento en bolsa coincide cos novos paros na produción, que se fan extensíbeis tamén ao resto de fabricantes. Porén, as analistas financeiras prevén que o grupo resultante da fusión de PSA e FCA continúe na senda dos beneficios millonarios, que retomou na primeira metade deste ano.

As estimacións destas persoas expertas apuntan a que a firma automobilística fechará o exercicio cun volume de facturación superior aos 150.000 millóns de euros a pesar da caída na produción, mentres que o beneficio neto podería traspasar a barreira dos 10.000 millóns de euros.

A estratexia de Stellantis para manterse en positivo pasa, inescusabelmente polo 'adelgazamento' da súa estrutura. A compañía xa deu pistas de por onde vai ir esa redución de custos. 

Ademais de axustar a produción á demanda e minimizar os stocks, o grupo presidido por John Elkann e dirixido por Carlos Tavares anunciou recentemente que reducirá a súa rede comercial no Estado español nun terzo, dentro do proceso de reestruturación das redes comerciais de todas as marcas anunciada en maio deste ano.

En concreto, están chamadas a botar o feche 129 empresas concesionarias en todo o territorio. Será unha vez se cumpra o período de aviso previo de dous anos de todos os contratos de venda e posvenda que sostén o grupo coas redes das marcas que operan no Estado español.

A firma máis afectada do grupo polo fechamento de concesionarios será Opel, que reducirá a súa rede 37% ao clausurar 35 concesionarios, seguida de Citröen, con 31 (34% da súa rede). Do grupo FCA ─Fiat, Lancia, Jeep, Alfa Romeo e Chrysler, entre outras─ desaparecerán 35 centros de venda (46% do total da rede), por cinco de DS (14% do total) e 23 de Peugeot (23% do total).

Stellantis prevé beneficios millonarios nun ano marcado pola crise dos 'microchips'
comentarios