33 empresas e 30% de participación pública: a sociedade mixta para proxectos enerxéticos da Xunta con Abanca ou Finsa

Con anterioridade a esta presentación, a CIG exixiu a retirada do proxecto de lei de recursos naturais que impulsa a Xunta alertando do ditame redactado e aprobado por unha comisión do Consello Económico e Social (CES) "moi crítico" coa norma.
Presentación da sociedade mixta impulsada pola Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Presentación da sociedade mixta impulsada pola Xunta. (Foto: Europa Press)

Un total de 33 empresas e a Xunta formarán parte da sociedade mixta para impulso de proxectos relacionados coa produción de enerxía, mineiros e que requiren concesión de auga, cun calendario programado de desembolso desde hoxe até 2027 de 100 millóns de euros de capital, dos que a Xunta achegará 30%. A utility, que nace agora con 15 millóns, prevé a creación de empresas diferentes para o desenvolvemento de cada iniciativa concreta, que é ás que o presidente galego, Alfonso Rueda, animou a unirse ás administracións locais dos lugares nos que se cheguen a executar os devanditos proxectos.

Esta sociedade mixta de xestión de recursos naturais, como a denomina a Xunta, chámase Recursos da Galiza (RDG) e foi presentada esta segunda feira nun acto no Museo do Pobo, en Santiago, coa presenza de numerosos empresarios implicados. A Xunta é o primeiro accionista, cun 30% co que pretende "garantir a preservación do interese público na sociedade dentro das dinámicas de mercado". A parte privada está integrada por empresas que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan ao ano ao produto interior bruto (PIB) do país máis de 10.500 millóns de euros, destacou Rueda.

O accionariado

En concreto, o accionariado compono, canda a Xunta, Abanca, unha sociedade vehicular de Megasa e Finsa, outra sociedade de Copasa, Valtalia e Gesuga e unha terceira de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira-Jealsa, Profand e Grupo Revi. Tamén están Gadisa, Exlabesa, Ence Terra, ARP Global, Ain Active, Viúva de Severiano Castro e Fillos, Wind1000, Epiafnio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods. Completa o accionariado unha sociedade vehículo de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas, Eroxona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.

A esta composición chegouse "a través dun proceso aberto e homoxéneo de manifestacións de interese articulado a través de Impulsa Galiza", que é a sociedade público-privada que promove a Xunta para "axilizar" iniciativas empresariais denominadas "tractoras" da economía. No capital de RDG, afirma, "poderán integrarse agora pemes e administracións locais". "Posteriormente, facilitarase que calquera galego poida participar", segundo engade.

"Vocación capilar"

Na presentación, a CEO de Acebrón Group, Rebeca Acebrón, reivindicou o "importante esforzo non só de interese comercial, senón estratéxico" que fan as pemes que se unen a esta sociedade. Pola súa parte, o presidente do Grupo Nogar, Víctor Nogueira, apuntou que hai "moitos exemplos en España" pero dubida que "algún que reúna a tal cantidade de empresas e que a parte pública asuma o seu papel cun protagonismo proporcional á súa participación", e ademais con carácter "100% galego".

A continuación o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, valorou esta actuación de "colaboración público privada" e enmarcouna na procura de solucións para resolver "problemas" sobre o uso "adecuado e estratéxico" dos recursos naturais. Con "vocación capilar", afirmou, esta sociedade tratará de chegar aos empresarios "para persuadilos de incorporar aos seus propósitos a eficiencia" enerxética.

"Equilibrio" entre medio ambiente e economía

Na súa quenda, o presidente Rueda defendeu actuar "da man das empresas" e apuntou á "oportunidade única para que Galiza poida destacar" nunha contorna no que os recursos enerxéticos "son fundamentais para os destinos dos países". "Temos un enorme potencial para ser un actor de primeiro nivel na transición enerxética", subliñou.

Neste sentido, avogou por "facer ben as cousas" e "equilibradamente", en alusión á defensa do medio ambiente e o impulso económico, de modo que os "beneficios" repercutan "no conxunto do pobo galego" e en concreto nos territorios en que se implantan as iniciativas. Agradecendo a unha "parte importante" do empresariado galego a súa "mostra de compromiso", referiuse a RDG como "un proxecto ambicioso" e sen precedentes, posto que "pode haber cousas parecidas" pero "algunhas tentaron e fracasaron". Esta, apostilou, "pode acabar en éxito".

Constitúena inicialmente empresas "non relacionadas directamente coa enerxía" e que en certos casos "compiten entre elas, pero entenderon que había que unirse". A elas trasladoulles que nesta sociedade "non vai haber cambios con vistas á galería" e que a achega do 30% da Xunta faia "consciente da importancia da presenza pública".

"Espero que outras administracións tomen exemplo da Xunta", destacou, en alusión aos concellos. Este "non será un operador calquera", senón que "buscará ser unha guía aos demais" e "beneficiar ás persoas que viven no territorio onde se van a implantar os proxectos". Deste modo, Rueda espera "que se traduza en máis postos de traballo" e que "a súa actividade en si mesma" sirva como "un catálogo de boas prácticas".

Co "reto de demostrar" que os parques eólicos, as minas, os paneis solares, etcétera "non poden ser estraños senón claves" no desenvolvemento de Galiza, RDG é para o presidente galego unha sociedade "que vai ser punta de lanza da futura lei" de recursos naturais. Unha norma "pioneira", resaltou, "que pechará o círculo" para "ter esa seguridade xurídica tan importante".

Esta lei "vai cambiar o paradigma" aínda que "xa hai unha moi esixente avaliación dos impactos ambientais" e así "vai seguir". "Pero tamén haberá que incorporar un estudo do impacto socioeconómico", recalcou. A este respecto, indicou que Galiza está "a atraer o interese de moitos proxectos que van requirir enerxía" e se non a poden obter "iranse a outros sitios". "Hoxe pomos a nosa primeira pedra para que a nosa riqueza natural tradúzase sempre en riqueza social", finalizou o mandatario.

Ditame do CES

Con anterioridade a esta presentación, a CIG exixiu a retirada do proxecto de lei de recursos naturais que impulsa a Xunta alertando do ditame redactado e aprobado por unha comisión do Consello Económico e Social (CES) "moi crítico" coa norma. O ditame foi elaborado nunha comisión do CES, con participación de CIG, UXT, CCOO, SLG, confrarías e CEG, e esta última presentou unha emenda e trasladou que se non se aprobaba emitiría un voto particular.

A pasada sexta feira o texto chegou a pleno e, segundo explican fontes do CES consultadas por Europa Press, este órgano colexiado "o que fixo foi volver o texto á comisión de traballo, para puílo". Así as cousas, aseguran estas fontes que "volverá debaterse e elaborarase unha nova proposta". En rolda de prensa, a secretaria de organización da CIG, Susana Méndez, e o secretario xeral, Paulo Carril, denunciaron que os obxectivos que se marca a lei non se logran co texto e, ao contrario, "tal e como está redactada pretende favorecer aínda máis ás grandes enerxéticas que buscan expoliar os recursos" da comunidade.

Por iso, exixiron a súa retirada a non ser que a Xunta "asuma" as propostas que recolle o ditame e tendo en conta que, xa durante a súa exposición pública, a lei recibiu 259 alegacións. Cuestionado respecto diso Rueda, pasou a palabra á conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, quen reprobou a actitude da CIG.

Comentarios