As eléctricas buscan influír na xustiza para controlar o negocio eólico na Galiza

A Galiza representa unha parte moi importante na conta de resultados das principais empresas enerxéticas do Estado español. As compañías eólicas con actividade na Galiza obtiveron en 2022 uns ingresos no país de 1.989,6 millóns, mais os beneficios marcharon fóra.
eólico ordes contra
photo_camera Parque eólico no concello de Mesís, na comarca de Ordes. (Foto: Europa Press).

Ciarán deixa, tamén, beneficiados na Galiza. A borrasca intensiva que provocou máis de 800 incidencias no conxunto do país nestes dous últimos días, como consecuencia da intensa choiva e duns refachos de vento que superaron os 160 quilómetros por hora, disparou a produción eléctrica de orixe eólica e hidráulica no país. Tanto é así que os prezos da luz baixaron a máximos anuais como consecuencia da entrada de tal cantidade de enerxía na rede eléctrica estatal.

A sección galega da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) cifrou a cuarta feira, nas súas redes sociais, en "case 0,5 xigawatts por quilómetro" de fronte de onda "sobre a costa noroeste da Galiza pola forte ondada xerada pola borrasca Ciarán". Neste sentido, apuntou que “a potencia (enerxía transferida por unidade de tempo) dunha fronte de onda de 10 km superaría a potencia eólica total en funcionamento na Galiza”, Precisamente, a gran potencia constante do vento converte o país en obxecto de desexo para os grandes operadores de enerxías renovábeis.

Os beneficios das eólicas

As compañía eólicas con actividade na Galiza obtiveron en 2022 uns ingresos de 1.989,6 millóns de euros. A produción eléctrica de orixe eólica situouse nesa anualidade en 9.719.900 megawatts hora (MW/h), sendo o prezo medio no mercado grosista para ese exercicio de 204,7 euros MW/h. Nesta liña, as empresas enerxéticas aumentaron os seus ingresos en relación a 2021 en 854,9 millóns de euros e a facturación destas compañías situouse na Galiza en 1.134,7 millóns de euros.

A facturación das empresas eólicas baixará para 2023, porén os seus ingresos volverán situarse en máximos históricos. Segundo os datos ofrecidos por Rede Eléctrica Española (REE) para o primeiro trimestre do ano, os último até a data, Galiza xerou nese período 3.052.310 MW/h de procedencia eólica, cuxo prezo medio no mercado grosista ficou en 97,5 euros MW/h, polo que os ingresos das compañías eólicas con presenza na Galiza alcanzaron 297,6 millóns de euros.

Os donos do vento galego

A potencia eólica instalada na Galiza é de 3.879 MW, posuíndo 53,6% da mesma os cinco primeiros operadores eólicos con actividade no país. Á cabeza, sitúase Iberdrola, con sede fiscal en Bilbo, que na Galiza conta con 599,5 MW e 18 parques, sendo os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Catar, con 9,72%; Kutxabank, con 3,60%, e  Banco de Noruega, con 3,17%. Písalle os talóns Acciona, empresa domiciliada en Madrid e propiedade da familia Entrecanales, cunha potencia instalada na Galiza de 562,3 MW e 26 parques eólicos.

O terceiro actor en discordia é a madrileña Naturgy, con 393,2 MW e 16 complexos de xeración na Galiza, propiedade  de La Caixa, cun 26,7% de participación; da sociedade británica de capital risco CVC Capital Partners, con 20%, e de GIP III Canary 1 S.A.R.L, división enerxética do fondo de investimentos estadounidense Global Infrastructure Partners, con 20%. A chinesa con sede social, no Estado español, en Oviedo Energias de Portugal (EDP) rexistra una potencia instalada de 264 MW en 12 parques, seguíndoa Endesa, filial española da italiana Enel, con 262 MW e un total de 13 instalacións operativas.

Galiza representa unha parte moi importante na conta de resultados das principais empresas enerxéticas do Estado. Neste sentido, explícase a campaña lanzada por compañías eléctricas contra colectivos, entidades e institucións que defenden un modelo enerxético respectuoso en termos económicos e ambientais para o país. Nesta dirección destaca a ofensiva contra os maxistrados e maxistradas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e as chamadas a non acatar as sentenzas e a incumprir a lexislación de aplicación.

A patronal eólica galega, cuxo núcleo duro de dirección está formado por empresas de capital estranxeiro como Eurus, EDP, Iberdrola ou Acciona, é o brazo executor dunha iniciativa que busca fixar quen fica co negocio futuro das renovábeis e aliñar na súa posición os diferentes poderes públicos. Neste sentido, fontes do sector críticas cos responsábeis da Asociación Eólica da Galiza (EGA) sinalan a Nós Diario que “o marco da transición enerxética abre expectativas de negocio descoñecidas e novas oportunidades de actividade na eólica terrestre, moi ligada ao hidróxeno, na mariña e na hidráulica, asociada ás centrais de bombeo”.

As derivadas da campaña

A campaña das grandes empresas enerxéticas ten derivadas sociais, políticas e mediáticas. Así, entre as primeiras signifícase todo o conglomerado patronal, desde a EGA até a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) e as súas filiais sectoriais, como a Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas (Asime). Neste bloque, xoga, tamén, un papel destacado Comisións Obreiras (CCOO) e, en menor medida, a Unión Xeral de Traballadores (UXT).

A dimensión política susténtase, esencialmente, no Partido Popular, sinalando desde a patronal eólica que as súas políticas contan co apoio da dirección do PSdeG. Ao tempo, na esfera mediática as posicións da EGA resultan hexemónicas na liña editorial das empresas de comunicación, destacando nos últimos días as tribunas publicadas en defensa das mesmas nas principais cabeceiras. 

O núcleo duro de dirección da EGA fórmano empresas de fora do país

 A Asociación Eólica da Galiza (EGA), unha parte das empresas do sector e a Xunta da Galiza, por boca do seu presidente Alfonso Rueda, levan meses cuestionando as resolucións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e criticando, abertamente, as súas sentenzas. Neste sentido, as fontes xudiciais consultadas por Nós Diario sinalan que “a patronal e as empresas eólicas pretenden meter presión para condicionar as decisións do TSXG e, sobre todo, do Tribunal Supremo (TS)”, que nos próximos meses deberá resolver algúns dos autos do tribunal galego.

O TSXG, no último ano, anulou a licenza ou suspendeu cautelarmente a execución de 17 instalacións eólicas. Nalgún caso, como o dos parques de Campelo e Bustelo, situados en Carballo, Coristanco e Santa Comba, a anulación da licenza outorgada pola Xunta da Galiza veu precedida da suspensión cautelar da execución para evitar danos irreversíbeis. Neste contexto, as compañías enerxéticas e os colectivos afectados agardan a resolución do Tribunal Supremo, onde recorreron en casación os promotores eólicos dos proxectos cuestionados polo TSXG.  

A consolidación da liña xurisprudencial do TSXG abre a porta a anular a, case, totalidade dos proxectos eólicos en tramitación e construción na Galiza. Nesta liña, o profesor de Dereito Administrativo da UDC Fernando de Abel considera "cando menos temerario", que a Xunta de Galiza "siga a outorgar autorizacións en procedementos nos que esa eiva concorreu sistematicamente antes de que o Supremo se pronuncie”

Comentarios