A empresa mixta para participar en proxectos eólicos e doutras enerxías renovábeis que impulsa a Xunta da Galiza a través dunha nova lei terá unha "maioría accionarial privada", algo que, segundo celebra o vicepresidente primeiro do Goberno, Francisco Conde, "vai permitir un plus de axilidade na xestión" e tamén "para que os investidores poidan participar na mesma".
Destacouno durante a súa comparecencia en rolda de prensa canda o presidente, Alfonso Rueda, após a reunión semanal do Consello, que aprobou esta quinta feira o anteproxecto da citada Lei de aproveitamento de recursos naturais, que prevé a figura desta nova sociedade mixta para as renovábeis.
Conde subliñou, a respecto desta cuestión, que a Xunta, a pesar da súa participación minoritaria, manterá unha "posición de control" e explicou que iso quedará plasmado "nos documentos fundacionais" da empresa. Neste sentido, referiuse a "mecanismos para blindar" que só participe en proxectos "de interese para a Galiza".
Xa o pasado mes de marzo, o presidente Rueda eludía aclarar se esta sociedade sería maioritariamente pública, mais si anticipaba que a Xunta non ostentaría o 100% da titularidade. Isto, porén, xa acontece noutros países europeos, como Noruega, onde a empresa Statkraft, o maior xerador de enerxía renovábel en Europa, é de capital 100% público. "Non o confirmo, xa veremos", dixera.