'Situación e oportunidades da economía galega', o caderno especial que agasalla 'Nós Diario'

O xornal do sábado 23 de marzo incluirá, alén do 'Sermos Galiza', este caderno especial que recolle as achegas de doce autores e autoras especializados en diferentes áreas económicas do país nas recentes xornadas organizadas pola Agrupación Cultural O Galo.
Portada do caderno que agasallará 'Nós Diario' o sábado 23 de marzo.
photo_camera Portada do caderno que agasallará 'Nós Diario' o sábado 23 de marzo.

O xornal do sábado 23 de marzo terá unha entrega non dobre, senón tripla. Ás 32 páxinas do Nós Diario sumaranse, como é habitual cando chega a fin de semana, as 32 que conforman o semanario Sermos Galiza... e desta volta, a maiores, outras 32 páxinas dentro do caderno especial Situación e oportunidades da economía galega, que recolle as achegas de doce autores e autoras especializados en diferentes áreas económicas do país nas xornadas que o pasado mes organizou en Compostela a Agrupación Cultural O Galo. Un total de 96 páxinas a cor que se venderán ao prezo habitual dos sábados: 3,20 euros.

O caderno abre cunha pequena introdución do enxeñeiro técnico agrícola e coordinador das xornadas, Manuel da Cal, quen salienta que para a configuración do programa se seleccionaron aqueles sectores produtivos nos que Galiza destaca especialmente, como o agropecuario, e "com destaque para lácteo, no que a Galiza é a primeira potência produtiva do Estado espanhol e uma das dez regiões mais produtivas da União Europeia".

Notas sobre a estrutura e ordenación do espazo rural galego

Xosé Antón Meixide Fernández, técnico agroforestal e mestre de Formación Profesional, asina o primeiro dos textos, que analiza a ordenación do espazo rural da Galiza. Non fai moito tempo, lembra, a poboación que habitaba o medio rural era maioritariamente labrega ou directamente relacionada cos mercados das producións, principalmente agropecuarias e forestais ; en xeral, toda a xente vivía  “in situ”. "A estrutura do medio rural é complexa e diversa, pero non debemos esquecer que a poboación que a conforma é o primeiro elo dá cadea, estando en íntima relación co medio natural", subliña.

O sector agrário galego: situaçom e perspectivas

A segunda peza leva a sinatura de María do Mar Pérez Fra, profesora do Departamento de Economía aplicada da USC, quen analiza o estado actual do sector primario galego e as súas perspectivas de futuro. "Apesar do profundo dos câmbios produtivos e sociais experimentados polas áreas rurais, estas som ainda habitualmente percebidas como espaços principalmente agrários", sinala.

Galiza, potencia enerxética si, pero non así!

A secretaria executiva da asociación ecoloxista Adega, Belén Rodríguez, aborda a planificación enerxética e a necesidade de facela compatíbel coa conservación do medio ambiente. "Temos un grande reto por diante: reducir á metade as emisións contaminantes globais de aquí a 2030, con respecto a niveis preindustriais, para que a temperatura global do planeta non suba de 1,5ºC. É a condición sine qua non, segundo o Panel Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC), que debemos cumprir se non queremos que as repercusións do quecemento global sexan indomábeis e drásticas, sobre todo para a nosa especie", enxalza.

A quen pertencen os nosos recursos?

"Cando me convidaron a falar e escribir sobre a minaría de Galicia, pensei no pouco que eu podería achegar de interese sobre a lousa e o granito. Estas son as explotacións que representan un maior peso dentro da minaría galega. Materia prima dos procesos construtivos, son dous produtos digamos tradicionais que mesmo forman parte da idiosincrasia e a paisaxe do país. Ninguén os discute xa, non son noticia de portada en ningún medio, velaí están ata que se esgoten". Así introduce o seu texto o economista Marcelino Fernández Mallo.

O sector pesqueiro galego

A deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez Fernández analiza os retos e desafíos da pesca galega, "un sector amplísimo, con distintos subsectores que o engloban, cada un coas súas singularidades e coas súas problemáticas, algunhas moi específicas".

Galiza nación mariñeira con futuro

Na mesma liña apunta na súa análise Xavier Aboi Pérez, membro da Confederación Intersindical Galega do Mar, quen afirma: "Non se pode entender Galiza sen o mar e sen o sector arredor del. O mar é moito máis que unha estampa turística do Xacobeo. A pesca foi e segue a ser o modo de vida de milleiros de familias dende a desembocadura do Miño ao Eo. A través desta intervención describirei a evolución do sector nas últimas décadas, dende a flota de altura (Arrastre Litoral, Gran Sol, Bacallau, Nafo, Banco Canario Sahariano e Mauritania) á flota de baixura, pasando polo marisqueo e o sector da transformación".

A industria agroalimentaria en Galiza

Edelmiro López Iglesias, doutor en Ciencias Económicas pola USC, aborda a situación do complexo agroalimentario, o conxunto formado polo sector agrario e a industria transformadora dos seus produtos, que "mantén un peso relevante na economía galega".

A industria de transformados de orixe mariño en Galicia

Pola súa parte, o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Gonzalo Rodríguez Rodríguez fala da industria galega de transformados de orixe mariño que é, "sen ningún xénero de dúbida, un caso de éxito". "Sen embargo, tanto os seus logros como os seus retos é posible que non sexan suficientemente coñecidos. O obxectivo de este texto é abordar esta cuestión a través de preguntas como: ¿Quen veñen sendo? (un clásico), ¿que producen?, e, finalmente e máis importante, ¿que achegan á economía galega?", matiza.

Galiza na transición enerxética. Retos e oportunidades

Colectivo de debate enerxético Bidán aborda os retos e oportunidades da transición enerxética na Galiza. "Se temos que definir a Transición Enerxética brevemente diríamos que ten dúas pretensións. A primeira, é que a maior parte da xeración eléctrica sexa con fontes renovábeis e, a segunda, que a maioría dos consumos enerxéticos sexan con electricidade. O primeiro destes obxectivos, no caso de Galiza, xa estamos en fase de cumprilo", precisan.

O turismo como metáfora. Por unha auténtica política pública en materia de turismo

Rubén Lois Camilo, catedrático de Xeografía da USC, centra o seu relatorio no modelo turístico: "Se facemos unha reflexión sobre as novidades que introduciu o mundo contemporáneo, entendido o mesmo como o desenvolvido nos últimos cincuenta anos, sen dúbida o auxe da práctica turística móstrase como algo claramente atribuíble a este período. Todos nós aproveitamos as vantaxes de dispor dunha mobilidade rápida, non moi custosa, a calquera lugar que nos apeteza".

Vellos e novos turismos en Galiza. Os turismos da natureza e termal

Por último, un texto da autoría conxunta dos profesores Miguel Pazos Otón e Fernando Ulla Lorenzo saen a coalición tamén os "vellos e novos" turismos, facendo fincapé no turismo natural e termal e a importancia de apostar por estes modelos máis sostíbeis.

Comentarios