Sindicatos convocan folga de 24 horas en NCG banco e o resto de entidades nacionalizadas

Os sindicatos convocan unha folga xeral en Novacaixa galicia Banco, Bankia e Banco de Valencia para o vindeiro 6 de febreiro, para rexeitaren os plans de reestruturación que implican milleiros de despedimentos
Nova Galicia Banco
photo_camera Nova Galicia Banco

Os sindicatos convocan unha folga de 24 horas nas entidades nacionalizadas (NCG banco, Bankia e Banco de Valencia) como medida para amosar o rexeitamento frontal aos plans de reestruturación impostos desde Bruxelas e que implican milleiros de despedimentos, por volta de 2.500 no caso da entidade financeira galega. As centrais tamén argumentan esta convocatoria no que consideran como "escasa ou nula" vontade negociadora das direccións destes bancos para falar deses despedimentos.

A isto engaden que os sindicatos non teñen garantía algunha do futuro que lles agarda a estas entidades nacionalizadas nin aos seus traballadores. Alén da folga do 6 de febreiro, nestes días haberá mobilizacións en diferentes cidades do Estado.

Negociación

Esta segunda feira volveu realizarse unha xuntanza entre dirección de NCG banco e sindicatos, nunha xornada marcada pola mobilización dos traballadores da entidade que entre 12:00 e 12:30 protagonizaron un paro nas sucursais da entidade.

Segundo fontes sindicais, nesta reunión a dirección puxo sobre a mesa a oferta de que aqueles traballadores de máis de 50 anos afectados pola reestruturación fosen despedidos este ano, con 25 días por ano traballado e un máximo de 18 mensalidades.

Para o resto de afectad@s nesta vaga de despedimentos marcados desde Bruxelas e Madrid, a oferta sería de 23 días por ano traballado e un máximo de 14 mensalidades.

Comentarios