Lea no Parlamento: "O BNG non fai máis que escribir bobadas", di o director xeral de Gandaría, preguntado pola PAC

"Reafírmome nas miñas manifestacións. Esta iniciativa non hai por onde collela", reiterou José Balseiros, ao tempo que acusou a formación nacionalista de dicir "o que lle peta".
O director xeral de Gandaría da Xunta, José Balseiros. (Foto: Europa Press)
photo_camera O director xeral de Gandaría da Xunta, José Balseiros. (Foto: Europa Press)

Tenso debate na sesión da comisión parlamentaria de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes desta sexta feira. A deputada do BNG Carmen Aira sacou a colación as "dificultades" para os produtores ao non estar as explotacións "adecuadamente clasificadas" segundo as súas prácticas e carga gandeira —como intensivas, semiextensivas ou extensivas—, no que atinxe ás novidades da política agraria común (PAC). A formación nacionalista rexistrara unha pregunta sobre "as medidas previstas pola Xunta para que ningunha solicitude quede fóra das axudas" e a resposta do director xeral de Gandaría do Goberno galego, José Balseiros, non deixou ninguén indiferente.

"Xa está ben, non todo vale, non se pode pór no papel o que lle dea a gana [...] Non hai por onde collelo", dixo Balseiros, afirmando que desde o grupo parlamentario do Bloque "non fan máis que escribir bobadas e dicir barbaridades". "Non o digo porque o invente, dígoo porque falo coa xente e a xente quéixase disto", replicou a nacionalista Aira, na súa segunda quenda.

Ademais, ironizou con que pode "dicir bobadas" porque foi elixida nas urnas, mentres o director xeral, recriminou, foi nomeado "a dedo". Balseiros fixo o comentario sobre as "bobadas" por mor do indicado inicialmente pola parlamentaria. O título que se puxo á pregunta, manifestou, é "unha trapallada".

"Deus me libre", contestou, de insultar os deputados e deputadas, ante o malestar nas bancadas da oposición tras a súa intervención. Nese momento tomou a palabra o presidente da comisión, o 'popular' Daniel Vega, para reprender outro deputado do BNG ao que pediu "aguantar", ante a advertencia de chamalo á orde, se for preciso até expulsalo da sala.

"Reafírmome nas miñas manifestacións. Esta iniciativa non hai por onde collela. Non queren que se lles chame bobadas... Vounas chamar falsidades ou xuízos de valor sen ningún criterio", reiterou José Balseiros.

Neste senso, rexeitou que estea "mal a clasificación das explotacións" e que a Xunta "non teña nin idea" nin saiba "nada" da PAC. "Coas inexactitudes que está a pór nese escrito, apaga e vámonos", incidiu. Xa na conclusión da súa intervención, o responsábel de Gandaría chegou a afirmar que "esto es la leche" [sic] e acusou o Bloque de dicir "o que lle peta" e sinalar "o que lle convén".

Na súa pregunta, a deputada nacionalista referíase ao novo período da PAC e ao feito de que está a presentar "novidades relevantes" no que atinxe ás exixencias requiridas ás granxas, tanto de carne como de leite. "O feito de que a Xunta non teña claras as exixencias pode ter consecuencias graves para as granxas, en dúas vertentes importantes: por unha parte, as dificultades de acceso a determinadas axudas por non cumprir os requisitos, e por outra, o incremento do nivel dos requirimentos para alcanzar outras", avisaba.

Comentarios