O silvopastoreo ábrese camiño en Tomiño

Apostar polo silvopastoreo é unha das opcións que teñen os montes veciñais galegos para a súa sostibilidade. Así o entenderon en Tomiño, onde veñen de presentar o proxecto "As vaquiñas de Pinzás", que conxuga a introdución da raza vianesa coa implantación das novas tecnoloxías de xeolocalización.
A presidenta da Comunidade de Montes de Pinzás, Natividad González (á esquerda) co gando de raza vianesa (Comunidade de Montes de Pinzás).
photo_camera A presidenta da Comunidade de Pinzás, Natividad González (á esquerda) co gando de raza vianesa (Foto: Comunidade de Montes de Pinzás).

A parroquia tomiñesa de Pinzás está a apostar por un novo sistema de xestión do monte que, co nome de "As vaquiñas de Pinzás", mudará en gran medida o uso das terras que xestiona a súa Comunidade de Montes. O proxecto procura que a gandería e as novas tecnoloxías axuden a mellorar o estado ambiental do territorio, conservar o patrimonio, e dar uso a unhas terras que axuden a previr os incendios forestais. Conta cun orzamento de 190.000 euros, dos cales 150.000 están financiados cos fondos europeos da Medida Leader que xestiona a Asociación de Desenvolvemento Galiza Suroeste Eurural

Para a presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, esta proposta "pon en valor un monte que estaba en estado de abandono", e que demostra que "vale a pena investir no rural".  

Pinzás, entre as serras da Groba e a do Galiñeiro

Esta Comunidade de Montes está formada polas veciñas e veciños da parroquia de Pinzás, situada no Concello de Tomiño, na comarca do Baixo Miño. É unha das parroquias con menor densidade de poboación deste municipio e a súa actividade socioeconómica é eminentemente rural. O seu monte está situado entre a Serra da Groba e a Serra do Galiñeiro, a unha altitude media duns 380 metros sobre o nivel do mar e arrodea case por completo o seu núcleo rural.

Conta con 532 hectáreas nun só monte denominado “Cereixo”, dedicadas a usos forestais, gandeiros e recreativos. A actividade gandeira foi unha das súas actividades tradicionais e este é o motivo polo que estes últimos anos procuraron potenciala coa recuperación de gando vacún e terras para que pastasen.

Un proxecto con historia

A iniciativa partiu da xunta directiva da Comunidade de Montes de Pinzás que entrou en 2015. A súa presidenta, Natividade González, explica a Nós Diario que a principal intención foi "non perder o monte baixo" que tiñan partindo dunhas 30 hectáreas que se aproveitaban tradicionalmente para alimentar o gando. "Estaban en estado de abandono pola perda de actividade e en 2016 comezamos informándonos das diferentes posibilidades, localizando as principais razas que había", relata.

Tiveron que viaxar até Ourense para coñecer de perto as principais razas en perigo de extinción partindo da centro de recursos zooxenéticos da Galiza, situado no Pazo de Fontefiz, en Coles. Foi un primeiro paso ao que seguiu coñecer o recentemente falecido Xosé Blanco, Pepe de Cimadevila, un experto gandeiro que lles introduciu non segredos desta actividade. 

"Fomos varias veces en autobuses para ver varias explotación e decidímonos pola raza vianesa, algo máis dócil que as outras e algo máis grande que a cachena". O inicio da experiencia piloto, xa en 2017, comezou con 13 animais e unha primeira petición a Agader que non foi aceptada. A súa insistencia, introducindo algunhas melloras, xunto ao apoio do concello de Tomiño, fixeron que conseguiran as axudas nun segundo intento. 

Novas tecnoloxías de xeolocalización

Entre as propostas presentadas no proxecto figura un innovador sistema de xeolocalización que facilita o traballo á Comunidade de Montes. "Temos moito monte baixo e soltábanse as vacas, perdíanse e non sabiamos onde estaban", conta a presidenta da entidade, "ademais, na época de partos agochan os tenreiros e podían precisar vitaminas ou calquera outro tipo de axuda", engade.

Unha das eivas que atopan, aínda así, é a falta de cobertura de telefonía "mais facilítanos igual atopalas nunha zona concreta sen ter que movernos  por todo o monte", aclara González. 

Na actualidade contan 26 tenreiros deste ano e sete do ano anterior ademais de 28 vacas e un boi. Senten orgullo de recuperar unha actividade perdida na zona  "aínda que polo de agora os ingresos son poucos e non hai moita información de cara a Política Agraria Común (PAC)" e dependen da actividade forestal. 

Comentarios