A Xunta denega o 75% das solicitudes de axudas a razas autóctonas

A Xunta continúa a discriminar as razas autóctonas galegas. Así o denuncia FRUGA que constata que o goberno galego rexeita o 75% das solicitudes de axudas de razas autóctonas en réxime extensivo, unha convocatoria que fora creada no bipartito e que Feijóo anulara en 2012. 

Fruga
photo_camera Fruga

Fruga denuncia que a Xunta continúa a discriminar as razas autóctonas en réxime extensivo, rexeitando o 75% das solicitudes de axudas presentadas. Segundo sinalan, foi a campaña que promoveron con recursos e mobilizacións a que obrigou á Xunta a corrixir a situación e publicar a nova resolución que, no entanto, non incrementa o orzamento previsto de maneira que das 842 granxas que cumpriron o acordado só 213 recibirán axuda deixando o 75% fóra. 

A liña de apoio ás razas gandeiras propias fora iniciada no bipartito coa idea de promover a súa produción mediante o apoio dun pago de ate 156 € por animal reprodutor a cambio do compromiso durante cinco anos por parte das explotacións gandeiras de cumprir as medidas de fomento. 

Recursos e mobilizacións


O PP no goberno galego, realizou un constante recorte até a a súa anulación no 2012 até o pasado mes de marzo no que a Xunta aprobou unha resolución que deixaba fóra das axudas ao 75% das solicitudes, o que provocou o inicio dunha campaña informativa por parte da Fruga para apoiar a presentación de recursos por parte das persoas afectadas contra a resolución. Unha masiva mobilización que se desenvolveu o pasado 18 de marzo en Lugo do sector vacún de carne esixía que se cumprira co pactado e se concederan a totalidade das axudas que cumprían as condicións. 

“O que a Xunta chama un “erro informático que afectou aos cálculos” foi en realidade unha chapuza, e agora ten que amañalo porque houbo quen o denunciou publicamente. Iso si, tenta arranxalo sen ter que gastar un peso”, lamentan desde Fruga que esixe o aumento do orzamento para corresponder ás explotacións gandeiras que cumpriron as condicións estipuladas. 

“Esta corrección parécenos unha broma de mal gusto do Partido Popular, primeiramente recortan estas axudas ano tras ano, despois veñen uns atrasos inxustificados con aprobacións sen que haxa o envío dunha carta tal e como se debera facer, logo fan unha aprobación da campaña 2012 irregular e agora, que teñen que corrixir erros e que poden reparar a situación, miran para outro lado e deixan as cousas practicamente como estaban”, denuncian, anunciando que non cexarán até que as explotacións reciban o que lles corresponde e anuncian novas medidas de presión contra o que entenden como unha nova agresión ao sector de vacún de carne. 

Comentarios