O sector pesqueiro reunirase co Ministerio para valorar o impacto da eólica mariña

Tras a petición da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, o Miteco convocou unha mesa de traballo para vindeiro 17 de abril.
Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).

Tras a petición da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños para a constitución "sen máis demoras" da mesa de traballo para valorar os posíbeis impactos da implementación da eólica mariña nas augas do Estado español, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) enviou unha carta e este colectivo.

Neste sentido, o departamento liderado por Teresa Ribera convocou esta reunión para vindeiro 17 de abril e solicitou á Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños o nomeamento de dúas persoas para facer parte da mesa de traballo.

En consecuencia, a plataforma notificou ao Miteco que acudirá á devandita reunión o seu portavoz, Torcuato Teixeira, así como o seu vicepresidente (tamén presidente da Federación de Confrarías de Asturias), Adolfo Méndez.

O colectivo tamén notificou ao Miteco que na devandita reunión deberán ser tratados os temas relativos ás alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, e aos estudos postos en marcha para valorar os posíbeis impactos ambientais e socioeconómicos destas industrias nas zonas potencialmente aprobadas nos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

A organización tamén exixe a presenza "ineludíbel" do equipo científico do IEO (Instituto Español Oceanográfico) e dos responsábeis de redactar os informes de impactos socioeconómicos da Secretaría Xeral de Pesca a efectos de contar cos mellores datos para realizar os traballos nesta mesa.

A plataforma espera ademais que esta mesa sirva para canalizar "a deriva do Miteco en todo o que foi a posíbel implantación destas industrias nos nosos mares, pondo como prioritario a defensa dos nosos ecosistemas mariños e do noso sector pesqueiro".

"É por iso que a vía do diálogo manterémola aberta sempre que esta mesa teña esa finalidade e se poñan todas as ferramentas para a consecución do devanditos fin, caso contrario esta plataforma abandonará esta Mesa de Traballo", advirte o colectivo.

"Non estamos en disposición de participar en poses e en simples fotos para xustificar un diálogo que até o de agora non existiu, se este diálogo non serve para pór por diante a defensa da pesca e dos ecosistemas mariños ante os intereses do oligopolio enerxético de facer negocio coa poxa dos nosos mares a plataforma abandonará de inmediato esta mesa de diálogo", concluíu a organización.

Comentarios