O BNG reclama retirar a eólica mariña e presenta alegacións ao Real Decreto

Néstor Rego urxe a retirada dos POEM para eliminar a posibilidade de implantar os polígonos industriais de xeración de enerxía eléctrica na costa galega

Néstor Rego (Foto: Arxina).
photo_camera Néstor Rego na comparecencia desta terza feira (Foto: Arxina)

O BNG fixo públicas esta terza feira as alegacións presentadas ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións que se implantarían no mar. Néstor Rego anunciou que, como cuestión previa, o BNG reclamou de novo formalmente ao Goberno do Estado que retire os Plan de Ordenación do Espazo Mariño (POEM) e a posibilidade de que se implanten parques de eólica na costa galega.

O deputado do BNG sinalou que nas alegacións pídese que se respecten as competencias propias das Comunidades Autónomas, que se garanta que parte da xestión sexa pública e reverta no público e, entre outras, a consecución da implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega.

O deputado nacionalista lembra a presentación dunha consideración previa pedindo a retirada do Real Decreto en aplicación ao principio de precaución debido a que “non existe suficiente información do grao de afectación dos parques de eólica mariña sobre os ecosistemas e sobre a pesca”.

O que si existe, continúa, é a experiencia previa coa instalación de tres muíños en Viana do Castelo (Portugal) onde os pecadores afirman que, “nun radio de quilómetros, desapareceu a actividade pesqueira”.

Por este motivo, o BNG urxe a retirada dos POEM para eliminar a posibilidade de implantar os polígonos industriais de xeración de enerxía eléctrica na costa galega. Da mesma maneira, Rego expresa o apoio inequívoco do BNG á concentración convocada en Burela pola Plataforma en defensa do sector pesqueiro que terá lugar o vindeiro sábado, 6 de abril. “A mobilización da sociedade será chave para conseguir a retirada deste proxecto e conseguir que o sector pesqueiro non saia, máis unha vez, prexudicado” sinala Rego.

As alegacións

O Real Decreto, sinala o deputado do BNG, obvia a capacidade de decisión que teñen as Comunidades Autónomas e, no caso concreto da Galiza, a capacidade que posúe a Administración galega sobre o seu territorio e o seu litoral e costa. “Estas alegacións defenden a necesidade de que exista unha coordinación coas comunidades á hora de tomar decisións” asegura Rego.

“Defendemos que exista un informe previo -preventivo e vinculante- realizado pola Administración galega sobre o impacto social e económico que poden ter estes polígonos de eólica mariña nos nosos sectores produtivos, sobre todo o pesqueiro e o complexo mar-industria, así como o grao de afectación ao ecosistemas mariños e o noso litoral” anuncia.

Así mesmo, o BNG quere que se cumpra coa normativa galega sobre a instalación das infraestruturas de evacuación, que atravesarán as rías galegas e chegarán a  terra, onde se terán que instalar subestacións. “Do mesmo xeito, débense contar coas comunidades para regular o proceso de concorrencia competitiva” insiste Rego.

Débese garantir o diálogo co sector pesqueiro e marisqueiro nesta fase de exposición pública do Real Decreto co obxectivo de minimizar os impactos negativos. Tamén, engade Rego, estabelecer criterios -alén dos económicos- que alcancen ou superen no mínimo 50% da puntuación total para que “non sexa só o lucro económico o que determine a adxudicación destes parques neste proceso de concorrencia competitiva”.

Así mesmo, o BNG defende a presenza do Instituto Español de Oceanografía -con dous centros na Galiza- na Comisión de Valoración para que estea presente sempre o criterio científico “á hora de estabelecer a valoración” para achegar a información e o grao de afectación e impacto sobre os ecosistemas mariños e o impacto socioeconómico que terán os proxectos de eólica mariña.

“Se estes polígonos de eólica mariña se poñen en marcha, que desde o BNG agardamos que non sexa así, entendemos que se debe estabelecer baixo o criterio público porque esa é a única posibilidade de que realmente reverta minimamente en beneficio público” avanza Rego.

Nesa medida, explica o deputado, entende que debe de haber unha reserva da potencia instalada para explotación pública por medio dunha empresa pública de enerxía. “Presentamos alegacións tamén para garantir o retorno social destes polígonos de eólica, por exemplo priorizando aquelas empresas que teñan o domicilio fiscal na Galiza” alega.

Por último, o deputado do BNG mantén o compromiso para a consecución da Tarifa Eléctrica Galega por ser “unha cuestión de xustiza”. “Se nós producimos enerxía eléctrica e somos un país excedentario, o lóxico é que exista unha compensación e que os galegos e galegas teñamos a enerxía máis barata” sinala.

Comentarios