O sector gandeiro galego teme un novo incremento dos custos a causa da seca

As xeadas e a falta de chuvias condicionan a produción de forraxes, o que engade máis incertezas sobre o futuro de moitas explotacións. 
A meteoróloga Ana Laxe explica os datos de pluviometría de xaneiro na Galiza ante a presenza da conselleira Ángeles Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A meteoróloga Ana Laxe explica os datos de pluviometría de xaneiro na Galiza ante a presenza da conselleira Ángeles Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).

O mes de xaneiro foi o máis seco en 10 anos. A Galiza leva desde mediados dese mes baixo a influencia dun anticiclón que só deixou chuvias febles estes últimos días, pero o resto do tempo estivo marcado polas baixas temperaturas, a presenza de xeadas e a ausencia de chuvias ─choveu menos da metade do esperábel para un mes de xaneiro, segundo Meteogaliza─.

De momento, como explicaba esta mesma semana a meteoróloga Ana Laxe, non hai previsión de grandes borrascas a curto prazo, unha situación que comeza a causar preocupación no agro galego, sobre todo se a tendencia das últimas semanas se mantén no tempo. 

A este respecto, o coordinador de Sectores Gandeiros de Fruga, Elías Somoza, explica a Nós Diario que "producir en base a pastos é o máis barato que hai". Porén, indica que coa falta de chuvias "tes que recorrer ás forraxes almacenadas e a produción está a uns custos elevados, igual que os abonos químicos ou os plásticos de ensilado, que veñen a uns prezos desorbitados", unha circunstancia que agrava aínda máis a delicada situación económica pola que están a pasar moitas explotacións gandeiras da Galiza.

Nesta liña, Somoza lembra que "cando sobe o petróleo tamén soben as forraxes". Con todo, di que actualmente non existe problema, pero que este viría "a partir de agora se persiste este tempo, cunha diminución importante na forraxe que se poida colleitar".

Sen problemas na horta

Pola súa parte, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, salienta que na horta galega "neste momento non hai afectación, porque non se corresponde co seu ciclo. Vai ter máis incidencia o que pase a partir de agora e sería preocupante de manterse a tendencia", alerta tamén.

Para Vilalba, o "momento determinante" corresponde ao inicio da primavera, a mediados do mes de marzo, no período da recollida das forraxes. "Ou empeza a chover ou é probábel que non haxa o volume necesario, o que acaba afectando á alimentación do gando", advirte a responsábel do SLG, que apunta que tamén será chave "ver que reservas van quedar para o final do verán".

Vilalba, que incide en que de manterse a tendencia vai haber unha colleita de herba "moi reducida", argumenta que o feito de que a Galiza conte con poucas reservas de acuíferos fai que dependa moito da choiva. "Precisamente esa vinculación co ciclo natural fai que no país sexan moi minoritarios os cultivos de regadío", exemplifica. 

O problema da produción de forraxes sería "aínda máis preocupante este ano", alerta, pois a variábel da forraxe "é fundamental, porque o da alimentación representa 80% dos custos das explotacións gandeiras" que, como salienta, están a ver disparados os custos dos insumos neste comezo do ano sen que os prezos do que cobran pola súa produción, tanto de leite como de carne de vacún, suban na mesma proporción.

Os gandeiros e gandeiras agardan, pois, que volvan as choivas xa que, do contrario, no canto de pór o gando a pastar, terán que recorrer ás súas reservas de forraxes e ensilados, co conseguinte aumento dos custos.

Comentarios