O sector do mexillón reclama un mes máis para a mexilla

28 asociacións de bateeiros que contan con 1.600 bateas aseguran que non teñen a cría necesaria.
Bateeiros diante do rexistro da Xunta, en Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Bateeiros diante do rexistro da Xunta, en Compostela (Foto: Europa Press).

As asociacións galegas do sector do mexillón emprazaron esta quinta feira á Consellaría do Mar a proceder a ampliar un mes a campaña de extracción da mexilla que conclúe o 15 de xuño ante a falta da cría.

A través dun comunicado, asinado por 28 asociacións de mexillón que reúnen un total de 1.600 bateas, expoñen que hai produtoras e produtores que "aínda non teñen colleitada a cría necesaria para os viveiros", polo que demandan á Consellaría que dirixe Rosa Quintana a concederlles unha prórroga dun mes. 

Estas 28 asociacións do sector do mexillón son as mesmas que iniciaron hai uns meses as mobilizacións de protesta, a última o pasado 20 de maio, diante da sede da Xunta da Galiza en Santiago de Compostela, que reuniu milleiros de persoas procedentes de diversas comarcas da costa galega. 

A pasada cuarta feira mantiveron unha reunión en Boiro (comarca de Barbanza) na que decidiron abrir un proceso de selección de representantes, seis en total, para manter conversas coa Administración galega. Fontes do sector aseguran que se puxeron como data para finalizar esta escolla o vindeiro día 31 de maio.

15.000 sinaturas

O pasado 11 de maio, representantes do sector 'bateeiro' entregaron case 15.000 sinaturas no rexistro da Xunta da Galiza para reclamar a marcha atrás do decreto que dá competencias ás confrarías sobre a xestión da mexilla -derrogación do artigo 13 do regulamento 153/2019-, xa que supón, aseguran, limitar "unha cantidade importante de zonas de traballo". 

O sector bateeiro apunta que a aprobación do decreto e os plans de explotación do percebe restrinxíronlles moitas zonas de extracción, que a Consellaría cifra nun 16%. Os mexilloeiros afirman ter "moitas dificultades" e "unha chea das nosas bateas baleiras".

Estas 28 asociacións sinalan que se o ano pasado foi para elas "moi complicado", este 2023, co remate da campaña de extracción de mexilla para o 15 de xuño, haberá "moitos menos quilos de mexillón".

Igualmente, advirten de que existe "moita preocupación entre cocedoiros, depuradoras e fábricas por estar desabastecido o mercado". Por este motivo demandan ampliar trinta días máis a campaña de extracción.

Comentarios