Decenas de barcos bateeiros concéntranse na Pobra para seguir reclamando a xestión da mexilla

Representantes do sector sumáronse en terra ás protestas

Concentración de barcos do sector bateeiro fronte as costas da Pobra do Caramiñal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración de barcos do sector bateeiro fronte as costas da Pobra do Caramiñal. (Foto: Europa Press)

As augas da ría de Arousa foron esta segunda feira escenario dunha nova protesta do sector bateeiro, cunha concentración de decenas de barcos que fixeron soar as súas sirenas ante as costas da Pobra do Caramiñal (comarca do Barbanza).

Á protesta por mar sumáronse por terra camións e outros representantes do sector, entre eles cocedeiros e fábricas, para reclamar a retirada do decreto de 2019 e a recuperación da xestión das zonas de mexilla.

Segundo explicou Álex Tubío, portavoz da Agrupación Arousa Norte, a mobilización desta segunda feira "é polo de sempre": "mentres non se retire o artigo 13 do decreto (que limita a extracción da mexilla) estamos amolados".

Ademais, coa protesta, o colectivo quixo dar resposta ás palabras da conselleira do Mar, Rosa Quintana, acerca da regulación da actividade.

“Non é certo que non esteamos regulados”

Respecto diso, Álex Tubío insistiu en que os bateeiros regúlanse por unha norma de 2000 que xa marca cantas persoas poden traballar, en que zonas e os topes de captura. "Non é certo que non esteamos regulados", recalcou.

Nese sentido, reiterou que "a pretensión de cambiar esa orde para que abrir as zonas cando eles decidan é mortal para o sector", e advertiu de que manterán as mobilizacións para que "a xestión da fazula volta ás mans de quen ten que estar".

Comentarios