O sector dos licores, contra o intrusismo: "Augardente galega, en realidade, hai pouca"

As augardentes e licores tradicionais da Galiza, amparadas polo seu Consello Regulador, continúan a súa loita por valorizar a súa calidade. Repetirán as cifras do ano pasado após a baixada de 15% que padeceron en relación ao aumento de campañas anteriores.
Augardentes da IXP galega (Foto:  Augardentes de Galicia).
photo_camera Augardentes da IXP galega. (Foto: Augardentes de Galicia).

O volume de actividade das augardentes e licores tradicionais da Galiza, amparadas polo seu Consello Regulador, agarda manter esta campaña as cifras de produción e valor económico do sector que tiveron en decembro de 2022. Nesa data elaboráronse un total de 381.094 litros distribuídos polas catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Augardente Branca (96.935 litros), Augardente de Herbas (6.845 litros), Licor Café (144.222 litros) e Licor de Herbas (33.092 litros). Esas cantidades xeraron uns ingresos totais de 4.305.000 euros repartidos entre a IXP de Augardente Branca (1.173.000 euros), a IXP Augardente de Herbas (82.000 euros), a IXP Licor Café (1.586.000 euros) e a IXP Licor de Herbas (1.464.000 euros). 

En contacto permanente coas adegas, o presidente do organismo regulador, José Antonio Feijóo, recoñece en conversa con Nós Diario que, como apuntan estes mesmos números, “augardente galega en realidade hai pouco”. Pola contra, denuncia que até a Galiza chegan produtos “que non son de aquí e non teñen ningún tipo de control de procedencia”. Neste sentido, bota a vista atrás e lembra que a produción, até a campaña de 2021, aumentaba un 10% cada ano. Foi en 2022 cando as vendas baixaron un 15% e as propias adegas galegas confirmáronlle que manteñen que non se mellorará este 2023.

Forman parte da entidade reguladora un total de 133 adegas produtoras de subprodutos da vinificación -a maioría dentro da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas polo desenvolvemento da súa actividade vitivinícola- ao que se lle engaden 16 destiladores ademais de 24 empresas elaboradoras e de envasado. A radiografía deste sector non é doada e non todas as empresas teñen o mesmo tamaño e traballan da mesma forma. “Hai adegas galegas que contan con destilaría propia e outras, pola complexidade dos tributos especiais, prefiren traballar con quen lles fai ese proceso”, apunta o responsábel do Consello Regulador. 

Condicións permitidas

Entre as condicións de acceso ao Consello Regulador figuran un estrito proceso de elaboración e a constatación da procedencia do bagazo que se emprega. “Na actualidade hai adegas que contan con alambiques e outras que realizan a augardente cun sistema de arrastre de vapor”, indica Feijóo, “este último esta considerado como menos tradicional mais aceptámolo como unha destilación óptima, máis suave que co quecemento directo”, engade. Porén, aclara que, en todo caso, non está permitido no seu organismo que se empreguen “os sistemas continuos dunha produción industrial”. 

Conseguir o selo do Consello Regulador non é doado. A calidade é unha máxima que, segundo o organismo, impediu que se lle dera a todas as adegas que o solicitaron. “Temos casos dalgunha que tardou varios anos en elaborar unha augardente que puideramos avalar como positivo”, admite o seu responsábel. Por este motivo, cando reciben unha solicitude de admisión comeza un traballo de seguimento de todo o proceso que leva realizar a augardente. Constatan, en primeiro lugar, que os viñedos que introducen de procedencia estean rexistrados nalgunhas das DO galegas, para logo seguir co desenvolvemento da creación do bagazo até que chega o momento da destilación. O último paso é unha análise química e outra organoléptica (avaliación sensorial do produto), esta última para descartar que non teña defectos.

Augardente sen control

Os controis de sanidade, aduanas e outros organismos para as empresas que están declaradas son continuos. “O problema é cando se vende produción de particulares, onde non poden entrar inspeccións se non o autoriza a Xustiza”, indica Feijóo, “ademais anúncianse como caseiros cando non o son”, engade. O Consello Regulador denuncia que na Galiza comercialízase moito produto “que non se realiza con augardente de orujo, que é moito máis caro que o alcol, ademais de non pagar os impostos". Como consecuencia, un 50% dos custos que deberían ter como o resto de adegas pasan a ser os seus beneficios. Unha das maneiras de rematar con esta situación, segundo o Consello Regulador, sería contar con licenzas para vender alcol na hostalaría coas que controlar que produtos se comercializan.   

Outro dos problemas que preocupa ao sector é a presenza no país de grandes multinacionais que se aproveitan do nome da Galiza para vender bebidas espirituosas. “Ruavieja anuncia que emprega unha receita galega mais non di que sexa galego e hai outras marcas que afirman que se fai aquí cando en realidade proceden de Andalucía”, explica Feijóo, “outras, como El Afilador, teñen un poderío económico contra o que é moi difícil loitar", engade. Diante deste panorama, o Consello Regulador anuncia que realizará unha gran campaña para darlle a volta á situación. "Até agora loitamos contra a venda ilegal de augardente, agora diremos cales non son o que din que son", avisa Feijóo, "e mesmo podemos destrozarlle a campaña publicitaria a algún", engade.  

Desde a asociación de Viticultura da Galiza (AVG), o seu presidente, Roberto Rivas, recoñece a Nós Diario que existe un problema no sector. “Deberían actuar diante do que considero que é unha fraude que non é tan difícil”, sinala. Un caso diferente, para esta entidade, son as augardentes caseiras “entre as que hai algunhas que traballan ben mais sempre para consumo propio” e nas que, considera, "poderían ter algún tipo de cobertura legal". Por este motivo demanda “que non se aproveite esa circunstancia” para facer un produto que cualifica “de souvenir” que cando chega á consumidora ou ao consumidor “probabelmente non quererá volver a probalo nunca máis”.

“Temos uns produtos extraordinarios, como é o caso da augardente de herbas que para min é a bebida máis característica da Galiza”, significa por último Feijóo, “mais non os valoramos abondo como se merecen”, considera. Por este motivo demanda da hostalaría que "dignifique a augardente e coide a súa presentación que se merece, en copa”, unha realidade en países como Italia, coa súa grappa, que vende máis de 17 millóns de litros”.

Comentarios