A seca e a falta de 'stock' elevaron 227% o prezo do aceite de oliva extra

O prezo do aceite segue a súa escalada alcista. A suba foi continuada, tamén en Portugal onde pedirán axudas ao Estado. Na Galiza, pola contra, agardan unha boa colleita.
Proceso de envasado de aceite de oliva para a súa comercialización (Foto: Extenda).
photo_camera Proceso de envasado de aceite de oliva para a súa comercialización (Foto: Extenda).

O prezo do aceite de oliva continúa a súa escalada alcista e xa chegou, nalgúns supermercados, até os 10 euros o litro de virxe extra. A suba foi continuada desde inicios deste ano e acumula até hoxe un aumento de 38,8%, mais se se trata do virxe extra o encarecemento é de 227%, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). 

Para explicar este incremento de prezos polo de agora hai certo consenso en sinalar que a causa radica na seca que afectou o proceso de floración nas zonas onde están situadas as grandes plantacións. Desde a Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal), Miguel López Crespo, o seu secretario xeral, sinala a Nós Diario que “cando falamos dos prezos dos produtos agroalimentarios sempre está a dúbida do papel dos intermediarios, mais neste caso a realidade apunta a unha colleita limitada”. 

Remítese ás “case 700.000 toneladas menos de olivas” que na anterior campaña e a previsión de recollida pequena para a seguinte “como consecuencia da gran vaga de calor”.

Desde a Ucgal constatan que hai pouca oferta e xa hai moitos estabelecementos de provedores en primeira venda que non dispoñen de produto, “mesmo en canles curtos de comercialización que facían venda directa”. A razón desta circunstancia estaría relacionada coa “alta demanda dos últimos anos como consecuencia de ser un produto ‘estrela’ da nosa gastronomía e ter a imaxe de moi saudábel”. 

A importancia do ‘stock’

Alén da mala tempada e de aspectos meteorolóxicos, un dos aspectos importantes á hora de clarificar o prezo final do aceite de oliva extra é a cantidade de stock existente. Neste sentido, nunha entrevista radiofónica, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, apuntaba que “as olivas almacenadas entre campañas, que no mes de xuño situábase aproximadamente en 455.000 toneladas, diminuirá até o comezo da próxima campaña a unha cifra entre 250.000 e 300.000". Porén, “se chove a cantidade podería ser maior”.

A Ucgal indica que a demanda tamén aumentou noutros países polo que “tamén se detraeu a oferta aquí”. López Crespo entende que “cando hai posibilidade de comercializalo a un prezo maior e obter un maior beneficio, como pasou  ano pasado, as existencias eran menores”. 

Escaseza en Portugal

A situación en Portugal non é mellor. Estes días a propia secretaria xeral da Casa do Azeite-Associação do Azeite de Portugal, unha entidade privada participada por 50 produtoras e produtores que reúne 80% do sector, aseguraba, en declaracións á televisión portuguesa, que a seca e a situación no Estado español repercutira no aceite portugués e adiantaba que solicitarían axudas estatais para salvar a situación.

Boas perspectivas na Galiza

Na Galiza as perspectivas son diferentes. O técnico agrícola de Pazo de Pegullal, Óliver Eiss, asegura a Nós Diario que a previsión é dunha "boa colleita por contar cun clima moi diferente ao de Andalucía". Porén, lembra que o ano pasado si tiveron problemas coa seca polo que "teremos que ver como finaliza esta campaña para estar seguros".

Comentarios