O prezo do litro de aceite de oliva dispárase e xa supera os nove euros

A mingua da colleita e a especulación están detrás dunha alza de 15% en pouco máis dun mes.
Marcas brancas de aceite de oliva incrementaron o prezo do litro até un 30%. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcas brancas de aceite de oliva incrementaron o prezo do litro até un 30%. (Foto: Nós Diario).

O prezo do aceite de oliva disparouse no último mes e medio cun incremento de 15,4%, que elevou o custo medio do litro até os 9,42 euros. Con todo, nalgunha marca, apunta a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), pode chegar a superar os 12 euros.

OCU levou a cabo unha sondaxe de prezos entre 19 marcas de aceite de oliva virxe extra en 10 cadeas de supermercados e concluíu que a subida "é xeneralizada e afecta á práctica totalidade das marcas" en todas as cadeas estudadas (Alcampo, Carrefour, Dia, Caprabo, O Corte Inglés, Hipercor, Eroski, Mercadona, Consum e Condis).

Varias marcas brancas rexistraron unha suba que alcanza e supera 30% en só 45 días,

Con respecto ás marcas, o estudo de OCU reflicte que só hai unha que baixou o prezo (-1%). No outro extremo, varias marcas brancas rexistraron unha suba que alcanza e supera 30% en só 45 días, o que tamén pode estar ocasionado pola desaparición de ofertas puntuais que había no mes de xullo.

A organización sinala que os incrementos no prezo do aceite en todas as súas variedades teñen a súa orixe "na importante redución da colleita sufrida esta campaña", onde a produción caeu arredor de 50%.

Especulación

Porén, OCU denunciou "a forte especulación que existe arredor do prezo do aceite", posto que o produto que agora mesmo está nos supermercados comprouse a uns prezos "moito menores" dos actuais do mercado almacenista.

Así mesmo, OCU advertiu do efecto que estas fortes subidas teñen para os consumidores e que vai ter como consecuencia unha redución de consumo de aceite de oliva que se verá substituído por outros aceites.

Ante esta situación, a organización pediu ao Ministerio de Agricultura que aumente o control da cadea de produción do aceite de oliva "para evitar os abusos e a especulación que puidese producirse e que ten efectos negativos tanto para o sector como para os agricultores".

Comentarios