Ouro de Quiroga, manter a tradición do aceite galego salvagardando as variedades

Comezou a campaña de recollida da oliva, que durará até decembro. No municipio de Quiroga xa levan días traballando a colleita nunha das empresas máis importantes que mantén as variedades propias do país.
Traballadores e traballadoras recollendo a oliva nun terreo de Quiroga (Foto: Ouro de Quiroga).
photo_camera Traballadoras e traballadoras recollendo a oliva nun terreo de Quiroga (Foto: Ouro de Quiroga).

A conservación e recuperación do aceite galego ten unha zona como referente que xira ao redor do municipio de Quiroga. Da mesma maneira que en moitas casa galegas facían viño, nesta zona oriental do país mantíñase a tradición de ter "aceite da casa" e proba diso é a cantidade de muíños para producilo que se conservaron.

En 2014, un grupo de persoas tiveron a iniciativa de trasladar esa produción caseira ao mercado, ademais de investigar as variedades propias e recuperalas para que se difundisen. Naceu así Ouro de Quiroga da man de Manuel Maseda, Suso Bao e Julio Quiroga. Na actualidade venden 2.000 litros e agardan aumentar a produción un 20%. 

Adiantar a colleita para mellorar a calidade

Cando se iniciou o proxecto xa existían no municipio outras dúas empresas, Adega Mondelo e Val de Quiroga mais a súa aposta dirixiuse cara ás variedades autóctonas e mudando, en parte, o sistema, ao facer a recollida antes para mellorar a calidade.

"Tradicionalmente facíase máis tarde, cando estaba máis madura, por ser máis doado o proceso e obter máis rendemento; facéndoo antes, comezamos a campaña cara a mediados de outubro rematando en decembro", explica Julio Quiroga a Nós Diario. Esta fórmula é diferente á que empregan noutros territorios do Estado español que buscan a oliva moi madura para vender o aceite con peor calidade e rematar por facer os aceites máis comúns. 

Recuperar as variedades autóctonas galegas

"As variedades da zona eran a Brava e a Mansa, mais co tempo introducíronse outras foráneas nun proceso moi semellante ao que lle aconteceu ao viño", relata Quiroga. Por este motivo comezaron a aparecer as Arbequina ou Epicual. A aposta foi separalas e mirar "que se recoñecera o aceite propio máis alá do que vén de fóra" coa idea, tamén "de diferenciarse dos demais e buscar un oco propio no mercado".

Foi un traballo conxunto que realizaron co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Juana de Vega. Agora xa conseguiron identificar e catalogar até 13 tipoloxías autóctonas diferentes que haberá que seguir estudando. 

Dificultades para aumentar a produción

Unha das maiores dificultades en todo este proceso para ampliar o mercado do aceite tradicional é a falta de oliveiras coidadas. "A maior parte está  a monte, abandonada", sinala Quiroga. A diferenza doutros sectores, a solución non está só na plantación e apóstase por recuperar a masa de volume que había. "Unha oliveira comeza a producir ao cabo de cinco ou seis anos mais até os quince anos non comeza a ser rendíbel, é un investimento a medio prazo", resume este produtor. No seu caso recuperaron fincas e formalizaron acordos con propietarias e propietarios a través de alugueiros ou a cambio de poder ceder parte da produción.

"Non estamos mercando terreos e as novas plantacións realízanse nas propiedades que xa teñen as socias e os socios", conta, "en todo caso hai aínda unha grande cantidade de oliveiras por recuperar", sentencia.

O maior muíño de aceite da Galiza que traballa as 24 horas

A aposta do proxecto Ouro de Quiroga foi pola modernización sen mudar a tradición. Por ese motivo adquiriron unha das almazaras que está considerada das máis innovadoras do noroeste do Estado español. Traballa as 24 horas do día ao aceptar encargos doutras zonas do país, a maior parte membros da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna da Galiza (APAG).

A listaxe de municipios danos un mapa do aceite galego, ao abranguer desde O Bolo, Trives, Valdeorras, Xinzo e Verín até A Estrada, pasando polo Saviñao, Taboada ou Chantada. Os residuos da moenda destínanse para abono e tamén entran en varios proxectos de investigación como o que procura o seu aproveitamento para consumo animal, caso dos porcos, aos que lles resulta moi nutritivo.

Comentarios