A cooperativa Proligal nace para fomentar o aceite galego

A cooperativa olivareira xa está legalmente constituída.
O Consello Reitor de Proligal, a cooperativa olivareira da Galiza (Foto: Proligal).
photo_camera O Consello Reitor de Proligal, a cooperativa olivareira da Galiza. (Foto: Proligal)

O Consello Reitor de Proligal, a recentemente constituída cooperativa olivareira da Galiza, culminou esta quinta feira, coa rúbrica notarial, o proceso da súa conformación como entidade de carácter galego para a promoción, estudo, conservación e dinamización da olivicultura no país. A asociación xa conta con presenza activa en todo o territorio da Galiza. 

Xoán Couto, María José Salgado, José Antonio García, María del Mar Pantín, Rebeca González, Carmen Lage e José Pérez son as persoas que conforman o corpo reitor desta cooperativa que inicia a súa andaina ao abeiro da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). 

Proligal nace coa vocación de servir para dinamizar un cultivo que nos últimos corenta anos constatou unha presenza crecente na Galiza. Neste sentido, esta breve traxectoria leva implícita a necesidade de solucionar dúbidas relativas a todo o proceso vinculado coa oliva, desde a adecuación dos solos até o procesado para a elaboración e transformación de aceite.

Neste sentido, a finalidade de Proligal reside en facilitar a todas as persoas asociadas un marco común, colaborativo e aberto, de intercambio de coñecementos, procesos e produtos que favorezan a potencial consolidación dun cultivo con implicacións positivas en máis sectores produtivos da Galiza. 

Desde a manufactura de ferramentas e maquinaria, consultoría e asesoramento, traballo agrícola, manufactura da materia prima ou a posterior comercialización, esta nova iniciativa de dinamización do agro galego vén tamén contribuír ao desenvolvemento en moitos outros sectores socioeconómicos.

Denominación de orixe

A conformación de Proligal  continua o proceso de recuperación do aceite galego. Neste sentido, o pasado ano, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Juana de Vega finalizaron a primeira fase de recuperación, descrición e recoñecemento das antigas variedades autóctonas de oliveira da Galiza.

O proxecto conxunto destas dúas institucións sentou as bases dun "novo" sector de aceite galego "cun futuro inmellorábel". Após os traballos, o CSIC iniciou o proceso de rexistro na lista estatal de variedades de interese comercial de 11 delas para que sexan recoñecidas internacionalmente.

Comentarios