O Concello de Pontevedra pide á Xunta que deixe de crear "expectativas absurdas" sobre o futuro de Ence

O goberno local insta o Goberno galego a que non opte "pola vía da fraude" coa adhesión da pasteira ao Porto de Marín.
Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

O Concello de Pontevedra reclamou á Xunta que deixe de crear "expectativas absurdas" e non opte "sempre pola vía da fraude" coa súa aposta para que a fábrica de celulosa que Ence ten en Lourizán pase a formar parte do chan da Autoridade Portuaria de Marín.

O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, compareceu en rolda de prensa para achegar o punto de vista do Goberno local sobre as últimas informacións relacionadas con Ence e o seu traslado.

Mosquera lembrou a posibilidade de incluír os terreos que ocupa Ence dentro do chan da Autoridade Portuaria de Marín xa foi estudada no ano 2005, a pesar de que naquel momento optaran por outra saída ao considerala "máis factíbel para saltarse a lei" e que foi finalmente o escollida "pero logo tombada pola Audiencia Nacional", en referencia á prórroga anulada polo alto tribunal este verán.

O edil sinalou que a ampliación de zona de servizo do porto de Marín contou cun expediente aberto nese ano e chegou a redactarse un informe municipal, que se mostraba negativo ante esta posibilidade. A maiores, o Concello pediu un informe "ao maior experto de Portos no Estado", en alusión a Francisco Javier Jiménez de Cisneros Cid, quen redactou un documento "demoledor" para a viabilidade da solicitude.

"Ence non pode estar aí e hai que buscar unha localización alternativa", sentenciou Mosquera

Ese informe, continuou Mosquera, sinalaba que nos portos non pode haber actividades que non estean vinculadas e sexan necesarias para o funcionamento do porto "e é evidente que ningún porto ten unha celulosa", comentou o concelleiro.

Ademais, lembrou que o Estado, despois de contemplar esta posibilidade e comprobar o seu "pouco percorrido legal", decidiu abandonar esta vía e arquivou o asunto no mesmo ano 2005.

"Nestes momentos sería peor, porque está claro que a idea de adherirse ao Porto vén dada pola idea de saltarse unha sentenza. Non hai por onde collelo", asegurou César Mosquera.

Para o concelleiro nacionalista "é evidente que esta vía tería e terá menos percorrido do que tivo no ano 2005" xa que "as sentenzas non poden ser saltadas facendo fraudes deste tipo". Neste sentido, Mosquera entende que a proposta formulada polos comités de empresa de Ence durante a reunión mantida esta segunda feira co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, é "volver resucitar unha vía que xa estaba cegada hai 16 anos", algo no que ve "crear unhas expectativas absurdas, marear a xente sen ningún viso de que vaia a chegar a nada".

"Ence non pode estar aí e hai que buscar unha localización alternativa", sentenciou Mosquera, que tamén se referiu ao papel do Consello Consultivo de Galiza, a quen a Xunta solicitará un informe sobre a viabilidade legal desta proposta.

Comentarios