Rusia foi o principal subministrador de gas natural do Estado español en xuño

O saldo comercial negativo do combustíbel descendeu máis de 27%.
Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
photo_camera Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).

O saldo negativo no comercio de gas natural (importacións menos exportacións) do Estado español caeu 27,2% en xuño con respecto ao mesmo mes do ano pasado, situándose en 23.141 xigawatts/hora (XWh), segundo datos ofrecidos esta quinta feira pola Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos (Cores).

Concretamente, descendeu tanto nas operacións realizadas a través de gasoduto, con 54,9% menos, como nas de gas natural licuado (GNL), cunha caída de 22,1%. No que vai de 2023, o saldo comercial negativo de gas natural (159.715 XWh) baixou 18,8% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.

Rusia situouse como o principal subministrador estatal de gas natural en xuño, con 7.673 XWh e 26,8% do total adquirido; seguido de Alxeria (con 6.029 XWh e 21,1%) e os Estados Unidos (con 5.290 XWh e 18,5%).

Por zonas xeográficas, incrementaron con respecto a xuño de 2022 as compras procedentes de América Central e do Sur, cun crecemento de 159,5% con respecto a hai un ano, e do continente europeo (1,8%), mentres descenderon as de América do Norte (-50,2%), África (-28,0%) e Oriente Medio (-0,9%). En xuño non se realizaron importacións desde Asia Pacífico.

As compras de gas natural do Estado alcanzaron os 28.622 XWh, cunha caída de 20,2% fronte ao mesmo mes de 2022. No que vai de ano as compras chegaron até 204.709 XWh, cun descenso interanual de 9,7%.

Exportación

Pola súa parte, as exportacións estatais de gas natural creceron 34,1% respecto a xuño de 2022 e situáronse en 5.481 XWh, dos cales 91,1% vendéronse a través de gasoduto e 8,9% como GNL. Francia continuou como principal destino, con 3.958 XWh e 72,2% do total das exportacións.

Comentarios