Os EUA foron o principal provedor estatal de gas natural en marzo

Alxeria foi o segundo importador deste combustíbel.
Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
photo_camera Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).

Os Estados Unidos de América (EUA) recuperaron en marzo o primeiro posto como principal subministrador de gas natural do Estado español e erixíronse no principal provedor no primeiro trimestre do ano, colocándose por diante de Alxeria.

En concreto, a subministración de gas natural procedente dos EUA por metaneiro alcanzou os 11.012 xigawatts por hora (XWh) en marzo, cubrindo  29,1% do total da demanda, segundo datos de Enagás.

No mes de marzo, os EUA superaron así a Alxeria, que forneceu, entre o tubo Medgaz (6.403 XWh) e por Gas Natural Licuado (2.871 XWh), un total de 9.274 XWh, 24,5% do total das compras do Estado español.

Nixeria foi o terceiro Estado que máis gas natural forneceu ao Estado español en marzo, con 5.920 XWh (15,6% do total), por diante de Rusia, con 5.460 XWh (14,4% do total).

Desta forma, as importacións de gas natural desde Rusia mantéñense practicamente inalteradas con respecto a febreiro, cando se dispararon 151,4% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, alcanzando os 5.465 XWh, segundo os datos achegados pola Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos (Cores).

Consolidación da compra de gas natural aos EUA

Os EUA retomaron o primeiro posto que ocuparon practicamente durante todo o ano 2022, desbancando dese lugar a Alxeria, histórico primeiro subministrador estatal de gas natural durante case medio século. 

O ano pasado, en plena espiral alcista dos prezos enerxéticos tras estalar a guerra en Ucraína, as compras de gas por metaneiro procedentes dos EUA disparáronse, consolidándose o país norteamericano como o subministrador principal de gas natural para o Estado español.

De feito, neste primeiro trimestre de 2023 os EUA volveron ser o máximo provedor estatal de gas natural, con 25.377 XWh en total e 24,4% do conxunto do mercado, lixeiramente por diante de Alxeria (con 25.301 XWh e 24,3%).

Comentarios