O Estado español duplica a importación de gas natural ruso entre xaneiro e abril

Moscova afiánzase como o terceiro provedor estatal deste combustíbel.
Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
photo_camera Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).

As importacións de gas natural ao Estado español procedentes de Rusia alcanzaron os 6.513 xigawatts hora (XWh) en abril, o que representa un incremento de 98,7% con respecto ao mesmo mes do exercicio pasado, cando xa estalara a guerra en Ucraína pola invasión de Rusia a finais de febreiro de 2022.

Segundo os datos da Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos (Cores), Rusia foi o terceiro principal subministrador de gas natural ao Estado español no cuarto mes do ano, tan só por detrás de Alxeria, con 10.247 XWh, e dos Estados Unidos de América (EUA), con 8.343 XWh.

Nos catro primeiros meses do ano, a chegada de gas natural desde Rusia ao Estado español tamén creceu de forma notábel con respecto ao mesmo período do ano pasado (118,3%), até situarse nos 23.810 XWh en total.

No acumulado do ano (até abril) as importacións estatais netas de gas natural alcanzaron os 111.565 XWh, cun descenso nos catro primeiros meses do ano de 17,9% con respecto ao mesmo período de hai un ano. 

Pola súa parte, no mes de abril as importacións de gas natural chegadas ao Estado español alcanzaron os 38.410 XWh, cun descenso de 5,8% fronte ao mesmo mes do ano pasado. 

Exportacións

As exportacións de gas natural aumentaron 21,9% en abril con respecto ao mesmo mes de 2022 e situáronse en 9.587 XWh. Do total, 81,7% exportáronse a través de gasoduto, alcanzando o máximo (7.830 XWh) desde que se dispón de datos.

Francia continuou como principal destino (6.885 XWh, 71,8% do total), seguido de Italia (893 XWh, 9,3%). No acumulado anual (até abril), as exportacións de gas natural desde o Estado español ascenderon a 29.823 XWh, cun aumento de 63,8% interanual.

Comentarios