A renda da veciñanza dos concellos con alta densidade eólica fica á cola do país

Muras, Abadín e Ourol son os tres concellos galegos con maior número de parques eólicos. Os tres partillan especialización produtiva na xeración de electricidade, proximidade territorial, altas taxas de despoboamento e unha poboación cunhas rendas moi por baixo da media galega.
Escala da renda media anual por habitante dos 10 concellos galegos con máis aeroxeradores eólicos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escala da renda media anual por habitante dos 10 concellos galegos con máis aeroxeradores eólicos. (Infografía: Nós Diario)

Muras lidera a xeración de electricidade de orixe eólica na Galiza. O concello, localizado en plena Serra do Xistral, conta con 15 parques eólicos, 381 aeroxeradores e unha potencia instalada de 481 megawatts.

O municipio, un dos pioneiros no negocio do vento desde comezos da década dos anos 90, rexistra algúns dos peores datos demográficos do país. Tanto é así, que nos últimos 27 anos perdeu máis da metade súa poboación, pasando de 1.319 habitantes en 1995 a 606 en 2022, 50,4% dos cales superan 65 anos de idade.

A renda media anual das e dos habitantes de Muras sitúase en 11.614 euros. Neste sentido, é 4.249 euros ao ano inferior á media galega, 3.280 euros anuais inferior á media da circunscrición de Lugo e 2.011 euros ao ano  inferior á da comarca da Terra Chá, área onde esta emprazado o municipio de Muras. Nesta dirección, os ingresos medios anuais da poboación de Muras están á cola de toda a veciñanza da Terra Chá, marcando mellores cifras localidades como Castro de Rei, Begonte, Cospeito, A Pastoriza, Guitiriz, Vilalba, Xermade e Abadín.

Neste último concello, Abadín, emprazado entre a Corda de Meira e a Serra do Xistral, non é mellor. O municipio, dirixido por maioría absoluta desde hai 30 anos polo popular José María López Rancaño, declara 200 aeroxeradores, a maioría dos cales se localizan en zonas de Rede Natura incluídas na Serra do Xistral.

Neste caso, a evolución da poboación garda semellanzas co veciño concello de Muras, pasando de 3.950 residentes en 1995 a 2.259 en 2022, o que representa unha caída de habitantes de 42,9% neste período. Asemade, 50,5% da poboación supera 65 anos de idade.

O ingreso medio anual das e dos residentes de Abadín sitúase en 13.935 euros. Malia ser máis elevado que o da veciñanza de Muras, é 1.928 euros ao ano inferior á media galega e está 959 euros anuais por baixo da media da circunscrición de Lugo. Neste caso, o mantemento dos parques non ten xerado emprego directo no concello, limitándose o seu impacto en creación de postos de traballo á fase de construción das instalacións.

O caso de Abadín non é unha excepcionalidade na Galiza e no Estado. A totalidade dos axentes implicados no negocio eólico coinciden na nula repercusión desta actividade no emprego fóra da fase de construción, sinalando a propia patronal do sector no país que “un megawatt de potencia xera 3,7 empregos durante a fase de construción e 0,2 empregos en actividades de operación e mantemento durante a súa explotación”, o que significarían arredor de 800 empregos para toda a Galiza.

Ourol é o terceiro concello da Galiza por aeroxeradores eólicos instalados, contando actualmente con 156 muíños. Situado tamén na Serra do Xistral, unha área moi desexada polas eléctricas pola potencia dos seus ventos, dispón de instalacións de xeración eólica desde comezos dos anos 90, xogando naquel momento o Goberno local un papel moi activo na promoción deste tipo de iniciativas, presentadas como chave no desenvolvemento local.

Precisamente, algunhas delas remataron investigadas na Fiscalía, implicando membros do Executivo municipal. A renda media anual da veciñanza de Ourol está en 10.442 euros. Nese caso é 5.421 euros ao ano inferior á media galega, 4.452 euros ao ano inferior á media da circunscrición de Lugo e 4.934 euros ao ano inferior á da comarca da Mariña Occidental, área onde esta emprazado o municipio.

Así, Ourol rexistra a renda por habitante máis baixa dos 16 concellos que conforman a comarca da Mariña. Asemade, o municipio non deixa de perder poboación, pasando de 1.833 residentes en 1995 a 999 en 2022, marcando unha caída de 45,5% en 27 anos.

Dez concellos

Os datos de renda da poboación destes tres concellos repítense entre os residentes dos 10 primeiros municipios galegos en potencia eólica instalada. Agás o caso das Pontes, cuarto concello en número de aeroxeradores e cuxa renda responde á lóxica do seu papel como enclave industrial, a veciñanza de Vilalba, Mazaricos, Valadouro, Dumbría, Forcarei e O Vicedo rexistran uns ingresos por baixo da media galega e do seu termo provincial.

O factor emprego dos aeroxeradores

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) sinalou xa en 2012 que “a xeración de enerxía renovábel é unha actividade altamente intensiva en capital, polo que o emprego directo que crea e o multiplicador asociado son moi baixos”.

Comentarios