As patronais bancarias recorren o imposto á banca

AEB e CECA consideran que podería chegar a pór en perigo unha transmisión fluída das medidas de política monetaria.
Logos de CaixaBank, Banco Santander, BBVA e Banco Sabadell (Foto: Europa Press).
photo_camera Logos de CaixaBank, Banco Santander, BBVA e Banco Sabadell. (Foto: Europa Press)

A Asociación Española de Banca e a Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA) veñen de presentar senllos recursos contencioso-administrativos perante a Audiencia Nacional impugnando a orde publicada, este mes de febreiro, polo Ministerio de Facenda pola que se aprobaron os modelos de declaración e pago anticipado do novo gravame temporal á banca.

Non se solicitaron medidas cautelares contra o imposto, que poderían supor a suspensión temporal do pago do gravame por parte das entidades. Cómpre lembrar, ademais, que a liquidación do pagamento do imposto deberá correr por conta de cada entidade.

Para presentar o recurso, as patronais baséanse, principalmente, no ditame que o Banco Central Europeo (BCE) publicou a principios de novembro de 2022, no que se cuestionaban distintos aspectos do gravame ao considerar que podería chegar a pór en perigo unha transmisión fluída das medidas de política monetaria, engadindo que o importe do mesmo podería non ser proporcional á rendibilidade das entidades e expresando a importancia de que poida repercutirse ás persoas clientas.

Este tributo, fronte ao temporal imposto para as enerxéticas, entrou en vigor a finais de 2022 co obxectivo de gravar os principais ingresos que a banca obtivo no exercicio pasado e empezar a recadar en 2023. O obxectivo do Goberno é obter até 3.000 millóns de euros entre 2023 e 2024, é dicir, 1.500 millóns de euros cada ano.

O novo imposto temporal á banca grava a 4,8% os intereses e comisións de todas as entidades que facturen máis de 800 millóns en 2019 e circunscríbese á actividade que as entidades desenvolvan dentro do Estado español.

O Executivo de Pedro Sánchez xustificou esta medida ante os beneficios "extraordinarios" que a banca conseguiu e obterá pola suba dos tipos de xuro que o BCE está a aplicar para frear a elevada inflación que padece a eurozona.

Comentarios