Abanca recorrerá o imposto aos bancos despois de gañar 40% máis en 2022

Juan Escotet cualifica de "inconstitucional" o imposto.
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, avanzou esta sexta feira que a entidade financeira recorrerá, "no debido momento", o imposto á banca impulsado polo Goberno do Estado español, xa que o considera "claramente inconstitucional". A preguntas da prensa na presentación de resultados de Abanca de 2022, Escotet detallou que este imposto supón unha "cifra relevante" de impacto para o banco, con "case 50 millóns de euros de efecto na conta de resultado".

"Claramente ponnos en desvantaxe", criticou sobre esta medida. "Non só ten efectos na aplicación de maior volume de crédito, que este ano será especialmente relevante", senón que se "afasta das mellores prácticas europeas" no sector, afirmou.

"Ponnos en desvantaxe dentro do noso propio sector", queixouse. Na comparecencia no pasado xullo para presentar resultados do primeiro semestre, o presidente de Abanca xa denunciara que o imposto "é daniño para toda a economía".

Escotet fixo as declaracións críticas co imposto sobre a banca no contexto dunha presentación de resultados dunha entidade que, segundo afirmou, obtivo un beneficio neto de 217 millóns de euros en 2022, o que supón 40,7% máis, en termos recorrentes (eliminando o efecto da integración de Bankoa e Novo Banco en 2021), que no exercicio anterior, unha cuestión que achaca ao "bo" comportamento do negocio e ao control do custo do crédito.

As protestas da entidade polo nova taxación imposta contrastan co aumento dos beneficios pola marxe de intereses (14,2%) e o incremento na prestación de servizos ( 9,4%), cun avance en venda de seguros e a achega dos servizos de cobranzas e pagos.

A entidade busca socios para Nueva Pescanova

Por outra parte, Escotet afirmou que a entidade financeira mantén a "mesma" folla de ruta para Nueva Pescanova, que presentará resultados en marzo co obxectivo da "integración de valor e a procura prudente, sen présas, dun socio industrial".

Comentarios