A débeda pública española bate un novo récord: 1,47 billóns de euros

A Administración estatal lidera o reparto da débeda, seguida dos gobernos territoriais.
Banco de España nunha imaxe de arquivo. (Foto: Wikipedia)
photo_camera Sede do Banco de España. (Foto: Europa Press)

A débeda do conxunto das administracións públicas do Estado español subiu no segundo trimestre até o máximo histórico de 1,475 billóns de euros, o que supón un aumento en termos relativos de 1,5% a respecto do trimestre anterior, se ben moderou o seu peso sobre o PIB, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Banco de España.

Na taxa interanual, incrementouse 3,6% en comparanza co mesmo trimestre do ano pasado, con 50.651 millóns máis, como consecuencia dos menores ingresos e os maiores gastos derivados da crise da pandemia e, máis recentemente, pola guerra en Ucraína.

A ratio de débeda pública sobre PIB foi de 116,1%, o que supón 1,3 puntos porcentuais menos a respecto do primeiro trimestre (117,4%), malia que aínda supera o obxectivo do Goberno español para todo o ano (115,2%), de acordo con o estabelecido polo Executivo no Plan de Estabilidade remitido a Bruxelas a finais de abril.

Así, o escenario que expón o Programa de Estabilidade 2022-2025 mostra un progresivo descenso do déficit ao longo destes catro exercicios até que a ratio débeda/PIB fique en 109,7% en 2025.

Débeda por administracións

Segundo apunta o Banco de España, a débeda correspondente aos gobernos territoriais medrou até os 317 miles de millóns de euros, o que se traduce en 24,9% do PIB, cun aumento intearnual de 1,5%.

Pola súa parte, a Administración estatal, en primeira posición, abrangue até 1.326 miles de millóns de euros; isto é, 104,4% do PIB cunha repunta, en comparanza co ano anterior, de 4,1%.

A débeda das corporacións locais é hoxe de 23 miles de millóns —1,8% do PIB e un crecemento interanual de 0,6%—, mentres a da Seguridade Social é de 99 miles de millóns, o que representa 8% máis que un ano atrás.

Comentarios