O Goberno do Estado abona á Galiza 224,6 millóns procedentes da débeda do IVE de 2017

Feixoo incrementou a débeda pública galega en 7.761 millóns de euros

A débeda pública galega marcou no primeiro trimestre de 2022 un novo máximo.
María Jesús Montero, voceira do Goberno do Estado, despois do Consello de Ministros de onte. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)
photo_camera María Jesús Montero anunciou o pago da débeda do IVE de 2017 (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

Se a 31 de decembro de 2008 se situaba en 3.954 millóns de euros, representaba 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e unha carga para cada galega e galego de 1.429 euros, a 31 de decembro de 2021 chegaba a 11.715 millóns de euros, significaba 18,03% do PIB e anotaba unha contía de 3.680 euros por habitante.

Segundo os datos achegados na xornada de onte pola ministra española de Facenda, María Jésus Montero, os Executivos de Alberto Núñez Feixoo xeraron na Galiza unha débeda de 7.761 millóns de euros. O aumento do endebedamento foi constante desde 2009.

O Goberno bipartito na Xunta de PSdeG e BNG logrou reducilo nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% do PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007. Porén, a tendencia mudou nos sucesivos Gobernos de Feixoo. Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011, 2012 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto ao longo deste ano, tras certificar o maior aumento porcentual desde 2011.

A maiores dos 11.715 millóns de euros recoñecidos como débeda, a Xunta da Galiza ten compromisos de pago até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privada, por unha contía total de 2.050 millóns de euros. Así, mediante esta fórmula, financiouse o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía AG-56 Compostela-Brión, a autovía da Costa da Morte, a autovía AG-52 coa fronteira portuguesa ou as vías rápidas do Salnés e o Barbanza.

Sumada a débeda pública e as obrigas procedentes da colaboración público-privada, o Goberno galego está obrigado a facer fronte a pagos por un monto total de 13.764 millóns de euros.

Devolución da débeda

A ministra de Facenda, María Jésus Montero, confirmou na quinta feira a decisión do Goberno do Estado de abonar ás comunidades autónomas o diñeiro adebedado polo IVE de 2017. Naquela altura, o ministro de Facenda do Goberno do PP, Cristóbal Montoro, introduciu unha modificación nos criterios de cálculo da porcentaxe deste tributo correspondente ás autonomías do réxime común. A Galiza recibe neste concepto 224,6 millóns de euros.

Comentarios