A partida dos orzamentos para pagar a débeda aumentou en 235% desde 2009

Rueda anuncia o maior teito de gasto da historia da Galiza: 12.559 millóns.
Reunión do Consello da Xunta, nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta, nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Cabezón)

O denominado teito de gasto é o límite legal de crédito orzamentario para un exercicio, o gasto máximo que poden levar a cabo as Administracións públicas, neste caso a Xunta da Galiza, que estabeleceu ese límite para 2023 en 12.599 millóns de euros. Nunca un Goberno galego tivera un teito tan alto, tal e como lembraron onte o presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na comparecencia após o Consello da Xunta que aprobou este límite e que mañá se debaterá no Parlamento galego. 

Os orzamentos da Xunta estarán listos o 20 de outubro, prometeu o conselleiro, que situou as contas como a ferramenta que vai permitir a Galiza facer fronte ao contexto de crise. Un contexto de graves dificultades económicas para sectores produtivos, empresas e familias no que a capacidade de resposta económica do Goberno galego ten un límite derivado do endebedamento da Xunta ao longo destes anos: a débeda pública galega marcou no primeiro trimestre de 2022 un novo máximo, 11.715 millóns, unha cantidade que mesmo se achega ao teito de gasto presentado onte.

Aumento constante

Nos orzamentos da Xunta en vigor, 2022, a partida destinada a facer fronte ao pagamento da débeda é a terceira máis voluminosa, após as dirixidas a sanidade e educación. Son 1.320 millóns que neste ano se destinan a pagar o débito. O incremento desta partida desde a chegada á Xunta da Galiza de Alberto Núñez Feixoo en 2009 até agora é de 235%.

Se a 31 de decembro de 2008 a débeda pública era de 3.954 millóns, representaba 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e unha carga para cada galega e galego de 1.429 euros, a 31 de decembro de 2021 chegaba a 11.715 millóns, significaba 18,03% do PIB e anotaba unha contía de 3.680 euros por habitante. Os Executivos de Núñez Feixoo xeraron na Galiza unha débeda de 7.761 millóns de euros. 

Compromisos de pagamento

A maiores destes 11.715 millóns de euros recoñecidos como débeda, a Xunta ten compromisos de pagamento até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privada, por 2.050 millóns. Así, mediante esta fórmula, financiouse o Hospital Álvaro Cunqueiro, por exemplo. Sumada a débeda pública e as obrigas procedentes da colaboración público-privada, o Goberno galego está obrigado a facer fronte a pagos por un monto de 13.764 millóns. Falta por coñecer agora que parte dos orzamentos para 2023 se destina a iso.

Desde o BNG, a deputada Noa Presas cualificou onte o teito de gasto como "rutineiro" e que "anticipa incapacidade de responder nun contexto extraordinario de crise de prezos". O PSdeG, pola súa parte, dixo que con este teito de gasto a Xunta "non ten desculpa" para "resolver" o "colapso" sanitario.

Traballo, familia e futuro", a tríade do presidente para as contas de 2023

Un teito de gasto para 2023 de 12.599 millóns de euros —8,2% máis que en 2022— e que será a base para uns orzamentos nun contexto de "incerteza e inflación", sinalou Alfonso Rueda. Unhas contas, dixo o presidente galego, que deben ser "útiles" para facer fronte a esa situación e cuxa base parte da tríade "traballo, familia, futuro". "Teñen que ser uns orzamentos serios e axustados á realidade" ao tempo, engadiu, que a Galiza "debe seguir a ser líder en prudencia financeira".

O conselleiro de Facenda, pola súa parte, situou —en base ás predicións do Instituto Galego de Estatística— o primeiro trimestre de 2023 como o punto onde o PIB galego volverá estar en niveis prepandemia.

Comentarios