A sanidade, o viaduto da A-6 e os fondos 'Next Generation' centran as críticas da oposición a Rueda

En senllas roldas de prensa decorrridas esta segunda feira, o BNG e o PSdeG aproveitaron para facer públicas as súas críticas ao Goberno de Alfonso Rueda.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após un Consello da Xunta en xuño. (Foto: Europa Press).

En senllas roldas de prensa decorrridas esta segunda feira, o BNG e o PSdeG aproveitaron para facer públicas as súas críticas ao Goberno de Alfonso Rueda. Na súa maior parte, as condenas por parte de nacionalistas e socialistas estiveron centradas na situación da sanidade pública na Galiza mais tamén houbo palabras dedicadas ao derrubamento do viaduto da A-6 ou á falta de transferencias conseguidas para o país por parte da Xunta da Galiza.

A líder do BNG, Ana Pontón, volveu denunciar a "situación de colapso" da sanidade galega, tras "máis dunha década de recortes e privatizacións". Así mesmo, sostivo que o sistema está tan "precarizado" que fai que "a metade dos MIR que se forman en Atención Primaria non queiran traballar nesa especialidade por malas condicións laborais".

Por estes motivos, Pontón insistiu na necesidade de activar un plan de choque dotado con 200 millóns para contratar profesionais e aumentar a carteira de servizos.

Pola súa parte, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou o Goberno galego de "negar a realidade" do "colapso sanitario" na Galiza e asegurou que "así dificilmente poderán pór os medios para resolver o problema e ofrecer a sanidade que os galegos necesitan".

Tras asegurar que a situación actual deriva de que "a política da Xunta desde 2009 non foi pór as persoas no centro das políticas, senón cadrar as contas", sostivo que os "recortes" dos 13 anos de goberno do PP "derivaron na falta de profesionais e de condicións laborais adecuadas". 

"Ningún proxecto estratéxico"

Na mesma rolda de prensa, Ana Pontón tamén advertiu da "incapacidade" do Executivo de Rueda de pór en marcha unha "axenda galega" ante o Goberno de Pedro Sánchez. Na opinión da líder nacionalista, isto pode observarse tanto en relación aos fondos Next Generation como coa caída do viaduto da A-6. 

No primeiro caso, Pontón referiuse á reunión decorrida o pasado 11 de xuño entre o presidente da Xunta e a vicepresidenta primeira do Executivo estatal, Nadia Calviño que, conforme manifestou, saldouse "sen unha soa proposta concreta de investimento para a Galiza, ningún proxecto estratéxico".

"Un fracaso" que, para o BNG, fan que "salten todas as alarmas ao comprobar que o país está a ficar fóra dos denominados proxectos tractores", dando "unha clara mostra da incapacidade do Goberno do PP para defender os intereses da Galiza".

Viaduto da A-6

A líder o BNG asegurou que outro exemplo desta "falta de iniciativa" está na caída do viaduto da A-6, cun Executivo "máis preocupado en defender Álvarez Cascos ou as construtoras do proxecto" que en pórse á fronte e reclamar que se investigue o sucedido e así axilizar decisións para pór en funcionamento o vial.

A Xunta está máis preocupada en defender Álvarez Cascos ou as construtoras do proxecto que en pórse á fronte e reclamar que se investigue o sucedido

Así mesmo, censurou que a Xunta "tardase dez días" en ir ao lugar do accidente e o fixese unicamente para "ir de acompañante da ministra de Transportes". "Moito nos tememos que estamos perante un pacto de silencio PP-PSOE, que para nada ten a ver cos intereses dos galegos", advertiu.

Comentarios