Vivenda

Os alugueres seguen á alza na Galiza: o prezo medra por riba de 10% no que vai de ano

O prezo da vivenda en venda de segunda man subiu 4%.
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O prezo da vivenda de aluguer na Galiza subiu 10,7% no primeiro trimestre deste ano en comparación co mesmo período de 2023, con 8,5 euros por metro cadrado, segundo datos ofrecidos esta terza feira polo portal inmobiliario Idealista. O incremento respecto ao anterior trimestre é de 5,4%.

Os prezos soben en todas as provincias galegas, coa excepción de Ourense onde as rendas baixaron 0,1% durante o inverno. Entre as subas de prezo destaca a de Pontevedra (8,5%), seguida de Lugo (6%) e A Coruña (3,3%).

Lugo mantense como a provincia máis barata da Galiza co metro cadrado a 6,6 euros mensuais, seguida de Ourense (6,8 euros/m2). A máis cara é Pontevedra (9,8 euros/m2), seguida pola Coruña, con 8,2 euros/m2.

Por outra parte, o prezo da vivenda en venda de segunda man subiu 4% no primeiro trimestre na Galiza, con prezo de 1.739 euros por metro cadrado, segundo datos de Fotocasa.

Segundo datos de Fotocasa, o Concello no que máis subiu o prezo trimestral en marzo foi Carballo (Bergantiños) con 20,6%, mentres que O Grove (O salnés) viu descender o prezo do metro cadrado -10,3% vivenda en venda en 1.739 euros por metro cadrado.

Nunha década

O importe medio de aluguer na Galiza en 2014 era de 364 euros ao mes, un prezo que hoxe sería considerado irrisorio. De feito, e segundo o Observatorio da Vivenda da Galiza, o que se paga hoxe en día de media por un aluguer son 518 euros. 

Houbo nestes 10 anos un incremento no prezo do arrendamento na Galiza do 40%. No entanto, a suba dos salarios nese mesmo período ficou en 10%. Se o salario medio anual para as asalariadas e asalariados galegos era en 2014 de 19.824 euros, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), agora esa mesma remuneración sitúase en 21.900. O incremento ao longo da década foi neste caso de 10%. 

Así pois, durante estes dez anos alargouse a fenda entre o que custa un aluguer e os ingresos das galegas e galegos, unha fenda que aumentou 30 puntos, os que van dese 40% de suba do aluguer fronte a 10% de incremento dos soldos.

Comentarios