A sinatura de hipotecas sobre vivendas aumenta 8,9% na Galiza

Sinatura dunha hipoteca (Foto: Eduardo Parra /  Europa Press).
photo_camera Sinatura dunha hipoteca (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A Galiza rexistrou un total de 1.412 hipotecas sobre vivendas en xaneiro, o que supón unha suba de 8,9% en comparación co mesmo mes de 2023, segundo os datos difundidos esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este crecemento contrasta coa caída a nivel estatal, xa que no total a sinatura de hipotecas sobre vivendas baixou 10,3% no primeiro mes do ano, até 33.128 préstamos.

En xaneiro, na Galiza asináronse 1.895 hipotecas sobre o total de terreos, 10,3% máis, cun importe de máis de 191 millóns de euros, 2,7% menos. Desta cantidade, 151,5 millóns eran das hipotecas de vivendas, 1,5% máis.

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 10,3% o pasado mes de xaneiro respecto ao mesmo mes de 2023, até sumar 33.128 préstamos, cun tipo de interese medio que se disparou a niveis descoñecidos en case unha década.

En concreto, este alcanzou 3,46%, fronte a 3,32% de decembro, alcanzado así o seu valor máis alto desde finais de 2014, cando se situou en 3,50%, sempre segundo os datos difundidos polo INE.

Co descenso interanual de xaneiro, a firma de hipotecas sobre vivendas encadea doce meses de taxas negativas, aínda que a de xaneiro foi menos pronunciada que a rexistrada no último mes do ano pasado (-17%).

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 2,7% interanual no primeiro mes do ano, até os 138.149 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 12,7%, até os 4.576,5 millóns de euros.

Tras a política de tipos de interese levada a cabo polo Banco Central Europeo (BCE) para tentar conter a inflación e a evolución do Euribor, o tipo de interese medio foi de 3,46% para as hipotecas constituídas sobre vivendas, cun prazo medio de 24 anos.

Comentarios