O prezo da luz marca hoxe o seu máximo histórico: 106,57 euros/MWh

Bate o récord de xaneiro de 2002, cando marcou 103,76 euros/ MWh)

O prezo da luz abeira un novo record.

O prezo da electricidade hoxe racha todas as barreiras, alcanzado o seu máximo histórico no Estado español. En concreto, o mercado almacenista (pool) eléctrico rexistrará esta cuarta feira, día 21, un prezo medio de 106,57 euros por megawatt hora ( MWh), segundo as previsións do OMIE, Operador do Mercado Ibérico da Electricidade.

E isto acontece apenas horas despois de que esta terza feira o prezo medio se situase no nivel máis alto no que vai de ano, superando a cota dos 100 euros/ MWh por primeira vez no exercicio. Até hoxe, o máximo histórico marcárase o 11 de xaneiro de 2002, con 103,76 euros/ MWh. Ademais, o prezo fixado para hoxe chegará mesmo a tocar os 110 euros/ MWh, mentres que o mínimo seguirá por riba dos 100 euros [100,83 euros/ MWh].

Son distintos factores os que están nesta escalada de incrementos, como son os prezos do gas e dos dereitos de emisión de CO2, que están a marcar a tendencia alcista no pool nos últimos meses, unido á menor contribución das renovables no  mix. Pola súa banda, únense tamén as altas temperaturas, que superan os 40 graos centígrados en varios lugares do Estado e provocando un repunta da demanda cunha enerxía negociada prevista para hoxe de 538  gigavatios hora ( GWh).

O prezo fixado para hoxe chegará mesmo a tocar os 110 euros/ MWh, mentres que o mínimo seguirá por riba dos 100 euros [100,83 euros/ MWh].

Nunha entrevista concedida á Cadea Ser, Jorge Morales, portavoz da Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, sinalou que hai que falar de "xustificación" das empresas eléctricas, máis que de explicación. "A xustificación é moi clara: o prezo do gas nos mercados internacionais e a suba do prezo do barril de petróleo, que chegou a superar os 80 euros, aínda que agora baixou de 70", dixo. "Pero o 80% da produción da luz non ten nada que ver co gas natural porque o seu uso é residual. Con todo, está a afectar de forma  intensísima ao prezo da nosa enerxía".

Segundo Morales, o alto prezo da enerxía no Estado débese a "un problema  regulatorio, de deseño do sistema, das regras do xogo". O portavoz da Plataforma por un Novo Modelo Enerxético sostén que "agora mesmo os almacenistas da enerxía teñen marxes do 500%".

No primeiro trimestre do ano, Iberdrola obtivo 1.025 millóns de euros; Endesa, 495 e  Naturgy, 383 millóns. Os tres grandes do sector sumaron algo máis de 1.900 millóns de euros nos tres primeiros meses de 2021.

Comentarios