domingo 01/08/21

A luz atinxe hoxe o seu prezo máis alto en dúas décadas

Situarase nos 101,82 euros por megawatt hora (MWh)

Concentración convocada pola Federación Veciñal Eduardo Chao, na rúa Urzáiz de Vigo. (Foto: Alberte Mera) #luz #electricidade #suba #taxa #veciñanza #vigo #protesta
Concentración convocada pola Federación Veciñal Eduardo Chao, na rúa Urzáiz de Vigo contra a suba da luz, nunha imaxe de aqruivo (Foto: Alberte Mera)

O prezo medio da luz no mercado almacenista (pool), que serve para fixar parte do recibo de electricidade, alcanzará esta terza feira o seu récord anual e o segundo máis caro da historia. En concreto, chegará aos 101,82 euros por megawatt hora

Así, só fica por baixo dos 103,76 euros/ MWh de prezo medio diario que marcou a luz o 11 de xaneiro de 2002, segundo datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE).

O pasado 1 de xuño entrou en vigor a nova factura eléctrica no Estado español, e, segundo apunta a organización de persoas consumidoras Facua, durante a primeira quincena do mes o prezo da luz subiu de media 45,4% a respecto do mesmo período de 2020

"Agora mesmo os almacenistas da enerxía teñen marxes do 500%".

Nunha entrevista concedida á Cadea Ser, Jorge Morales, portavoz da Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, sinalou que hai que falar de "xustificación" das empresas eléctricas, máis que de explicación.

"A xustificación é moi clara: o prezo do gas nos mercados internacionais e a suba do prezo do barril de petróleo, que chegou a superar os 80 euros, aínda que agora baixou de 70", dixo. "Pero o 80% da produción da luz non ten nada que ver co gas natural porque o seu uso é residual. Con todo, está a afectar de forma  intensísima ao prezo da nosa enerxía".

Segundo Morales, o alto prezo da enerxía no Estado débese a "un problema  regulatorio, de deseño do sistema, das regras do xogo". O portavoz da Plataforma por un Novo Modelo Enerxético sostén que "agora mesmo os almacenistas da enerxía teñen marxes do 500%".

comentarios