mércores 21/10/20

As previsións económicas do Banco de España fan tremer o comercio galego

O Banco de España vén de constatar que a saída do confinamento non se traduciu nunha mellora da economía e que até 2023 non se recuperará o nivel previo á crise. Esta situación preocupa especialmente ao pequeno comercio, que teme unha maior contracción do gasto que traerá novos fechamentos de negocios na Galiza.
O comercio galego anticipa novos fechamentos até final de ano (Foto: Arxina).
O comercio galego anticipa novos fechamentos até final de ano (Foto: Arxina).

O Banco de España descartou esta semana, no seu informe trimestral, que vaia producir unha "recuperación temperá" da economía nos próximos meses, como anticipaban diversos organismos. De feito, o supervisor empeorou as súas previsións e sitúa a caída do PIB entre 10,5% e 12,6% en 2020. Mais o dato que máis preocupa é que o crecemento previsto para 2021 (entre 4,1% e 7,3%) e 2022 (entre 1,9% e 3,3%) non será suficiente para recuperar a situación previa á pandemia da Covid-19, polo que, lonxe dunha recuperación en 'V', a economía tardará en medrar e non haberá recuperación até 2023

Detrás do esborralle do PIB para o presente ano está a caída da demanda estatal, que restará entre 9,3 e 10,9 puntos. Unha caída do consumo das familias que acaba pagando a parte máis feble da cadea, as pequenas empresarias de sectores como o comercio e a hostalaría, os máis golpeados pola crise.

Desde a Federación Galega de Comercio, o seu presidente Jose María Seixas sinala que as previsións "non son unha boa nova". Cre que o negro panorama que debuxan vai afondar na inseguridade das persoas, o que se traduce á súa vez nunha retracción no consumo que, como denuncia, "cada vez está peor". 

Un dos aspectos que máis preocupan á Federación Galega de Comercio é a falta de axudas. Ao escaso apoio da Xunta ao sector súmase o feito de que, segundo trascende da negociación da prórroga dos ERTE que levan a cabo a patronal e os axentes sociais, o comercio e a hostalaría poderían quedar desprotexidos por esta figura. "Se se leva a cabo ─a non inclusión destes sectores na prórroga─, a porcentaxe de fechamentos será elevada", alerta.  

Falta de apoios

Ante esta situación, Seixas reclama un "apoio total ao sector" por parte das distintas administracións "para seguir adiante". "Se non se pode remediar o dos ERTE vai ser nefasto para todos: para o emprego, para a economía, para os servizos sociais e para a vida das vilas e cidades",  insiste o responsábel da Federación.

A decisión do Goberno estatal, sumada aos temores que suscitan as previsións económicas, poñen en risco unha campaña de Nadal que podería vir marcada pola agonía do comercio. "De cada catro estabelecementos un haberá de fechar se non se toman as medidas oportunas", estima Seixas.

As autónomas claman por máis axudas da Xunta

Rafael Granados, presidente da Asociación de Traballadores Autónomos da Galiza (ATA), debuxa un final de ano complicado para este colectivo, cunha "brutal" caída de afiliacións á Seguridade Social e ao Réxime Especial de Traballadoras Autónomas (RETA) nos dous últimos trimestres. "A campaña de Nadal vai depender dos negocios que sobrevivan aos meses de outubro e novembro". 

Segundo explica a Nós Diario, eses meses son "tradicionalmente malos" e levan a moitos negocios a ter que baixar a reixa. Isto implicará menos cartos que entran no sistema da Seguridade Social e máis prestacións a pagar. "Entramos nun bucle negativo que nos pode levar a unha situación moi complicada en moi pouco tempo", advirte.

Granados recoñece que as axudas ao sector "non son suficientes". "Na Galiza as axudas foron para financiamento e dixitalización, pero non houbo medidas directas. Precisamos rebaixas fiscais e exencións no pagamento das cotas para rebaixar os nosos gastos fixos. Do contrario non imos poder pagar á Axencia Tributaria", avisa.

Outro dato que preocupa ao presidente de ATA Galiza é que a media de idade dos traballadores e traballadoras autónomas no país "é moi alta". "Hai moita xente de máis de 50 anos que non ten dereito a paro e que aguantarán o que sexa para manter o negocio aínda con perdas. A súa única saída é aferrarse ao mastro dun barco que se afunde", lamenta. 

A importancia dos ERTE

Nesta liña, o gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, sinalaba a pasada cuarta feira que "probablemente" o Goberno estatal teña que manter os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) durante un "tempo prolongado" e que non hai que ter medo á devandita extensión temporal.

Na súa opinión, os ERTE deberían focalizarse, máis que  sectorialmente, "case" a nivel de empresa, pois hai sectores como o turístico onde se poden atopar hoteis fechados e, no mesmo lugar, outros abertos e practicamente cheos.

O gobernador tamén defendeu que os ERTE non poden ser o único instrumento ao que recorran as empresas e que se debe asegurar o "correcto funcionamento" dos diferentes mecanismos de flexibilidade laboral que teñen dispoñibles as empresas na lexislación.

comentarios