mércores 05/08/20

O comercio galego non remonta coas rebaixas e anticipa novos feches

Na Galiza, máis de 35.000 comerciantes miran con bastante preocupación a actual situación, marcada por unha forte caída do consumo nos negocios tradicionais que, como lembran desde a Federación Galega de Comercio, teñen un importante peso na economía e xogan un fundamental papel social dando vida ás vilas.
Rebaixas en comercios de Compostela (Arxina).
Rebaixas en comercios de Compostela (Arxina).

O comercio galego concentra 15% da forza laboral galega e aporta 14% do PIB. É un sector chave que se viu golpeado, como moitos outros, pola crise da Covid-19. As rebaixas de verán estaban chamadas a mitigar este impacto, máis os cambios de tendencias e as incertezas sobre a evolución do virus están a provocar que a campaña non dea os froitos agardados.

O presidente da Federación Galega de Comercio, Xosé María Seixas, recoñece a Nós Diario que as rebaixas "tiveron notoriedade nos primeiros días, mais non están a responder ás expectativas que tiñamos". A baixada dos prezos fai que as marxes que levan as persoas propietarias destes negocios sexan moi reducidos e mesmo nulos, o que fai que sexa "moi difícil subsistir".

O principal problema é a contracción do consumo e a falta de clientas que entren pola porta destes estabelecementos. "Non hai grandes vendas. A xente só compra o que precisa", sinala Seixas.

Son "momentos difíciles" para o sector que veñen marcados por un "alto grado de desconfianza" por parte das persoas consumidoras, que están a vivir a situación actual con moitas incertezas sobre o seu futuro, afectadas por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ou ameaza de despedimentos "como acontece con Alcoa", e con unha nova vaga da Covid-19 á volta da esquina.

Novos hábitos de consumo

 A esta desconfianza únese a mudanza de hábitos por parte da poboación. Durante o confinamento, foron moitas as persoas que descubriron a canle online para realizar as súas compras.Como recoñece Seixas, este cambio "inflúe moito" na caída das vendas. "As vendas nas plataformas online medran, cousa que non acontece nas tendas físicas", que presentan cifras moi por debaixo das do ano pasado por estas datas.

"As grandes superficies xa non son tanto o rival do comercio tradicional, xa que cada un se especializou no seu. O problema son os grandes monstros do comercio online e a nosa manía de seguir tendencias que veñen de fóra e fastidian as vendas", di o presidente da patronal en referencia a acontecementos como o Día do Solteiro ou o Black Friday, nos que se incita a consumir masivamente á poboación.

Gastos fixos

A falla de clientas xa está a pasar factura a moitos estabelecementos. Os exiguos ingresos que xeran non sempre dan para cubrir os gastos fixos, como os consumos ou o alugueiro do local, o que leva a moitas das persoas propietarias a nin tan sequera levantar as persianas dos seus negocios ou mesmo a fechar.

De feito, segundo explica Seixas, estanse xa anunciando moitos feches. "O problema empeza agora que as vendas están baixas". Aínda hai moitos traballadores e  traballadoras do sector acollidas a ERTE, mais desde a federación estiman que cando esta figura de protección desapareza, "entre 15% e 20% dos negocios terá que fechar".

Neste senso, reclama a posta en marcha dalgún tipo de campaña que "mentalice" da necesidade de que se manteña a flote o comercio tradicional pola súa "función social", xa que, asegura, estes estabelecementos "son os que dan vida aos centros de moitas vilas galegas".

Outra das peticións da patronal ten que ver cos alugueiros, o principal gasto destes negocios. "Para moitas persoas son inasumíbeis e prefiren ter fechado que negociar co propietario". A este respecto, Seixas entende que as titulares dos baixos comerciais "tampouco teñen a culpa por querer cobrar por algo que é seu". O que si, pensa que as Administracións poderían ter a chave para solucionar este problema concreto.

O papel da Administración

Como remarca o presidente da Federación Galega de Comercio, Xunta e Goberno español resolverían esta cuestión habilitando axudas a fondo perdido para os empresarios.

Respecto do papel xogado por estas Administracións durante a crise derivada da pandemia da Covid-19, Seixas cre que o Goberno español "non estivo á altura das circunstancias" e que tanto este como a Xunta, non sempre responderon coa celeridade que a situación precisaba.

O que botaron en falta desde o colectivo foron axudas directas como as que agora reclaman. Nesta liña, exixen "solucións rápidas e efectivas" no canto de préstamos e outras fórmulas de financiamento como as que puxeron en marcha a Xunta para os traballadores e traballadoras autónomas, que como apunta Seixas, non resolven a situación, senón que "cada vez afunden máis ás comerciantes", que xa están nunha situación "bastante complicada" polas débedas. 

comentarios