Máis de 20.000 afectados por ERTE na Galiza temen ver reducida a súa prestación

Setembro é un mes marcado en vermello polos traballadores e traballadoras afectadas por un ERTE na Galiza. Dunha banda, porque o día 30 remata o prazo de prórroga destes expedientes e, por outra, pola redución nas prestacións para aquelas persoas que leven nesta situación desde o decreto do estado de alarma.
O ocio nocturno terá os mesmos dereitos que a hostalaría
photo_camera O número de traballadores en ERTE reduciuse na Galiza coa chegada da tempada de verán (Arxina).

A finais do pasado mes de xullo había na Galiza un total de 41.366 persoas afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), unha cifra que na primeira quincena de agosto se viu reducida 23%, cun descenso especialmente significativo en sectores como o aloxamento (36%) e o transporte (30%), moi ligados á actividade turística. 

Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, dos 28.185 traballadores que seguían en ERTE na Galiza o pasado 24 de agosto, 23.026 están inmersos en expedientes por forza maior, que se corresponden co cesamento da actividade por mor do confinamento, mentres que os 5.159 restantes son por outras causas. 

Parte desas máis de 20.000 persoas en ERTE por forza maior afrontan este mes de setembro con especial preocupación, xa que cumpren máis de seis meses nesta situación e, polo tanto, verán reducida a prestación que perciben do Goberno español. Desde o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) explican que o importe da prestación durante os 180 primeiros días correspóndese con 70% da base reguladora, pero a partir do día 181 pasa a ser de 50%, polo que todas as persoas que permanezan nun ERTE desde que se activou o estado de alarma veranse afectadas por esta rebaixa, que antes da reforma laboral do Goberno popular de Mariano Raxoi era tan só de dez puntos porcentuais (de 70% a 60%).

Negociación da prórroga

Setembro será tamén un mes chave para a prórroga destas prestacións, que os sindicatos pretenden converter en permanentes. Goberno español, empresarios e representantes dos traballadores reuniranse o próximo 4 de setembro en Palma de Mallorca para negociar a prórroga, que finaliza o vindeiro 30 de setembro.

O secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, desvelou que existe un "principio de acordo" entre as partes para comezar a negociar a devandita prórroga, mais a ministra Yolanda Díaz xa deu por feito que non haberá acordo na primeira xuntanza, como apuntaba algún líder sindical. 

Enriba da mesa, ademais dunha prórroga até final de ano, a expensas de ver como evoluciona a pandemia, estará tamén o debate sobre a contía das prestacións que reciben as e os traballadores incluídos nos expedientes, que se sitúan de media nos 900 euros, unha cantidade que caerá cando se empecen a aplicar as reducións antes mencionadas. De feito, os sindicatos proporán que quede en 70% e non se apliquen rebaixas. 

Autónomos

Moitas das persoas afectadas corresponden ao colectivo de traballadores autónomos. Desde a Federación de Autónomos de Galiza presentaron hai uns días 10 propostas urxentes para contrarrestar os efectos dos abrochos, que pasan, entre outras por unha ampliación da vixencia dos ERTE, a articulación de axudas específicas para traballadores por conta propia, reducións na cota que pagan e bonificacións fiscais.

O número de autónomos activos reduciuse en 57.423 este verán con respecto ao de 2019 e Galiza perdeu máis de 7.000 entre xuño e xullo, segundo a federación. "O que viviremos a partir do mes de setembro será unha auténtica traxedia", avisa a federación, que lanza un " S.O.S. colectivo".

Por iso, propón prorrogar os  ERTE "o tempo necesario, mesmo máis aló do ano 2020", en especial en hostalería e turismo; ampliar a prestación por cesamento de actividade especial, e restabelecer a prestación extraordinaria por cesamento de actividade para todos os autónomos non beneficiarios da ordinaria que se vexan afectados por limitacións de actividade polos abrochos.

Tamén apostan por reducións na cota de autónomos para quen teña unha caída de ingresos igual ou superior a 50% no terceiro trimestre e por manter a redución durante a metade do ano 2021. Reclaman bonificacións de polo menos o 50% nos impostos municipais ligados á actividade; reducir o IVE de produtos e servizos especialmente afectados a crise, e o aprazamento automático dos impostos até mediados do ano que vén.

Comentarios