ECONOMÍA

O presidente da Sepi bate coa realidade: “Estamos preocupados pola nula contratación de bancos en Navantia”

O presidente da Sepi bate coa realidade: “Estamos preocupados pola nula contratación de bancos en Navantia”

Ramón Aguirre recoñeceu na súa comparecencia, a solicitude do BNG, que aínda “estamos pendentes dos contratos de Pemex”.

Traballo Navantia

Preocupación pola nula contratación de buques e a falta de carga e traballo para Navantia. Así se manifestou Ramón Aguirre, presidente da Sepi, na súa comparecencia no Congreso a petición do BNG. Aguirre tamén apuntou que estaban “pendentes” dos floteis de Pemex, unha afirmación máis que indica que eses contratos coa petroleira non estaban 'atados e ben atados' como publicitaban desde a Xunta.

Para a deputada nacionalista, Rosana Pérez, a intervención do presidente da Sepi foi “clarificadora” no que atinxe ao sector naval público. “En Galiza existe unha grande preocupación porque moito nos tememos que isto signifique o peche definitivo de Navantia Ferrolterra”.

Dique flotante e Pemex

Pérez reprochou, aliás, a Aguire que todo o tema do dique flotante o deixe nunha mera consulta. “Que nós saibamos só presentaron unha consulta formal á UE, tarde, mal e arrastro para ver se é contrario á normativa europea. Pero díganos, hai resposta? Que di a UE? Por que non hai partida para esta actuación?”.

Asemade, a deputada do BNG denunciou que “un ano máis tarde seguimos sen sabe nada dos floteis de PEMEX. Das trece propostas de floteis, resulta que se preseleccionaron 11”. O Presidente de Sepi admitiu que contaban con ter os contratos con PEMEX este ano, e sinalou que “hai un retraso no procedemento concursal en México”, engadindo que “estamos a expensas da parte mexicana”.


 


 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios