Pois resulta que non só Barreras e Navantia están na lista de escollidos para construír os 2 floteis de Pemex. Malia que Núñez Feijóo e a Xunta levan meses e meses afirmando que todo estaba 'atado e ben atado', a realidade é que hai 11 candidatos a construír estes barcos. Os floteis hanse de adxudicar o 27 de novembro, segundo afirmou a propia petroleira mexicana e recolle o Faro de Vigo. E na lista de aspirantes a ese encargo hai empresas e estaleiros de diferentes países, México incluído.
Este dato volve evidenciar que aquel anuncio a bombo e platillo de Núñez Feijóo en plena precampaña electoral estase a esvaecer como o orballo. Non estaba, para nada, garantido que eses floteis fosen construídos en Galiza, ao contrario do que o presidente e conselleiros afirmaban reiteradamente.
Desde a oposición política, os sindicatos e tamén desde o cadro de persoal dos propios estaleiros sempre se sospeitou de estes anuncios de Feijóo, pois os mesmos non se sustentaban en ningún documento ou contrato. Feijóo di que os hai, mais negouse a ensinalos, mesmo en sede parlamentar.