A praga da couza guatemalteca na pataca chega a Muxía e eleva a 33 os concellos afectados

pataca

A couza guatemalteca xa non está presente só en Ferrolterra, A Mariña e Ortegal. Esta praga dá un chimpo e chega a Muxía, onde foron detectados tres casos de tubérculos en plantacións para o autoconsumo neste municipio. A preocupación principal é que este caso puntual na zona volva repetirse pois estamos nun área próxima a unha das principais produtoras de pataca en Galiza: Bergantiños.

Foi a Consellería de Medio Rural que informou desta situación e anuncia que esta segunda feira publicarase no DOG unha resolución pola que Muxía pasará a ter as mesmas medidas de control que os outros 32 concellos afectados: prohibición de plantar patacas, arrincar os tubérculos que haxa e destruír os que estean almacenados.

A couza guatemalteca ou couza da pataca é un insecto que como o seu nome indica provén de Guatemala e se estendeu a toda América Central. No estado español xa tiña aparecido nas Illas Canarias nos anos 1998-99. Na Galiza detectouse en 2015 e posibelmente a chegada ao noso país fose por transporte marítimo.

Comentarios