O PP propón controlar desde o Congreso os rescates da SEPI

O Partido Popular vén de presentar unha moción no Congreso para que a Cámara Baixa poida avaliar a idoneidade dos rescates que leve a cabo a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e mesmo solicitar unha valoración externa e independente se considera que non se axusta á lei. De prosperar podería afectar a Celsa ou Alcoa.
Teodoro García Ejea, Cuca Gamarra e Pablo Casado na bancada do PP do Congreso das Deputadas. (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera Teodoro García Ejea, Cuca Gamarra e Pablo Casado na bancada do PP do Congreso das Deputadas. (Foto: E. Parra / Europa Press)

O PP vén de rexistrar una moción no Congreso das Deputadas para someter a votación a idoneidade das operacións de rescate que leve a cabo a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e encargar unha valoración externa e independente para comprobar a legalidade en caso de sospeitas.

Esta medida, que de aprobarse podería interferir na operación de venda da planta de Alcoa, no rescate a Celsa (con planta na Laracha), e mesmo a Alu Ibérica, no caso de que o organismo público decida tomar o control das plantas, fundaméntase nas críticas dos populares á falla de rendición de contas do Goberno español.

En concreto, alúden ao fondo de rescate de empresas estratéxicas xestionado pola SEPI, así como no feito de que a empresa pública leve descabezada desde outubro de 2019, cando cesou Vicente Fernández pola súa imputación no 'caso Aznalcóllar'.

Desde entón, a presidencia do organismo mantense sen cubrir.

No caso de prosperar a moción,  o control das operacións por parte do Congreso podería traducirse nun alongamento dos procesos nos que a rapidez na execución dos rescates é chave en moitos dos casos para garantira a viabilidade da firma socorrida.

O que non está claro é se vai afectar só as empresas que se acollan ao fondo extraordinario, como é o caso de Celsa, ou tamén se fará extensivo a outras operacións levadas a cabo pola empresa pública, como pode ser a compra da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.

Hoxe mesmo transcendeu a dimisión do director xeral de Alu Ibérica, unha das empresas que podería verse afectada se prospera a medida.

Comentarios