Celsa, con planta na Galiza, estuda acollerse ao fondo de rescate

O Grupo Celsa, que conta cunha planta de produción na Laracha, estuda pedir 200 millóns de euros ao Goberno para mitigar os efectos da Covid-19
Celsa Group
photo_camera Celsa Group é lider na fabricación de produtos longos de aceiro (Foto: Celsa)

A siderúrxica catalá Celsa, cunha división na Galiza (Celsa Atlantic) estuda acollerse ao fondo de rescate do Goberno español para empresas estratéxicas co fin de sobrepoñerse ao impacto que a pandemia do Covid-19 ocasionou nos seus negocios, segundo informou a compañía nun comunicado. "Grupo Celsa analiza na actualidade detidamente as condicións dadas a coñecer polo Consello Xestor do Fondo de apoio á solvencia de empresas estratéxicas e estuda se procede acollerse á axuda pública temporal que ofrece o Goberno ás compañías que, como consecuencia da pandemia, necesiten financiamento adicional de forma transitoria", di a nota.

En calquera caso, a compañía precisa de momento non pasou da fase previa de información, que faculta ás empresas solicitantes a estudar se deciden seguir adiante e solicitan acollerse á axuda xestionada pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais ( SEPI).

De dar o paso, Celsa, unha das multinacionais europeas líderes en produtos longos de aceiro, que conta cunha planta no concello da Laracha, sumaríase a firmas como Air Europa e Duro Felguera, que xa se acolleron a este mecanismo.

As axudas demandadas por estas tres compañías sumarían así 700 millóns de euros (400 millóns da aeroliña do grupo Globalia, 100 millóns á enxeñería asturiana e uns 200 millóns a siderúrxica catalá), pero xa hai en trámite solicitudes de axudas por parte doutras compañías por outros 300 millóns, co que en total as cantidades solicitadas ascenderían a uns 1.000 millóns de euros, 10% da contía total do fondo.

En cifras, Celsa dá emprego a case 10.000 persoas de forma directa (33.233 con indirectas), ten 120 centros de traballo distribuídos por todo o mundo, factura uns 4.253 millóns de euros anuais (datos de 2018), produce 7 millóns de toneladas ao ano e recicla 8 millóns de toneladas. Nos últimos 15 anos os investimentos da compañía suman 2.682 millóns de euros.

Comentarios