A potencia eólica en tramitación na Galiza supera os 15.918 megawatts

A potencia eólica instalada na Galiza en 2022 situouse en 3.879 megawatts, porén a potencia en tramitación polas empresas enerxéticas multiplica por catro a actualmente en funcionamento.

#eólicos #eólico #parqueeólico #eólica #aeroxerador (Foto: Nós Diario)
photo_camera #eólicos #eólico #parqueeólico #eólica #aeroxerador (Foto: Nós Diario)

A potencia eólica en tramitación na Galiza multiplica por catro a actualmente en funcionamento. Neste sentido, destacan os proxectos en eólica terrestre e mariña, ficando por computar outras iniciativas ligadas á produción de hidróxeno.

A Xunta da Galiza autorizou entre 1 de novembro de 2022 e 24 de xaneiro 2023 1.826 megawatts eólicos. As compañías máis favorecidas neste procedemento foron Capital Energy e Greenalia.

A primeira delas é propiedade de Jesús Martín Buezas, ex xenro do empresario e presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, e ten a súa sede social e fiscal na capital do Estado. A segunda ten como primeiro accionista a familia Pardo, o seu enderezo está na Coruña e ten como directivos aos ex conselleiros Beatriz Mato e Antonio Couceiro.

275 parques eólicos máis

O Goberno galego tramita actualmente outros 7.200 megawatts eólicos. Neste caso, trátanse de 275 parques emprazados en 189 localidades galegas. A maior parte da potencia solicitada correspóndese con empresas alleas a Galiza

O Executivo estatal aprobou entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023 perto de  656  megawatts eólicos a desenvolver en diversas localidades galegas. Nestas concesións, Endesa, filial da italiana Enel, resultou a máis beneficiada.

O Goberno español tramita neste momento 4.023 megawatts máis para desenvolver na Galiza. Nesta situación, atópanse todas aquelas iniciativas de máis de 50 megawatts cuxa autorización corresponde a administración do Estado.

Eólica mariña

A xeración eólica terrestre vai sumárselle nos vindeiros anos a produción eólica mariña. Segundo os datos achegados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), actualmente atópanse en tramitación para o seu desenvolvemento na Galiza 4.695 megawatts de eólica mariña.

Os nove proxectos de eólica mariña en proxecto no país está impulsados por seis compañías, todas elas con sede social fóra da Galiza. Neste grupo, aparecen, entre outras, Iberdrola, Ferrovial ou Cobra.

As solicitudes para desenvolver proxectos eólicos non rematan aquí. A estes 15.918 megawatts en tramitación diante das diversas administracións, débense sumar outros 4.000 megawatts que o grupo Maersk ten previsto xestionar para a súa factoría de biometanol na contorna do porto de Langosteira, na Coruña.

Comentarios